Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais 07

Novas tecnoloxías: O wi-fi 'boom'

As novas tecnoloxías eran un campo aínda pouco explotado polos políticos nas campañas electorais. Os avances técnicos que en catro anos se producen permítenlles aos partidos facer multitude de novas promesas, especialmente sobre o acceso á internet gratuíta sen cabos.

Redacción - 13:27 23/05/2007

Algunhas das propostas dos partidos políticos máis significativas neste eido, ademais da wi-fi, son estas:

PPdeG: "Beneficios fiscais ás empresas internacionais de Novas Tecnoloxías"

Os populares céntranse no uso das novas tecnoloxías na vida diaria dos cidadáns das sete grandes cidades de Galiza.

Algunhas iniciativas concretas sobre Novas Tecnoloxías:
- Defender un sistema de beneficios fiscais á actividade de I+D+i para atraer centros e empresas internacionais dedicados a esta actividade.
- Crear un servizo de información a través do teléfono móbil que permita acceder a información municipal sobre actividades e eventos que se celebren no concello.
- Mellorar a comunicación entre os cidadáns e os gobernantes impulsando a creación de blogs e encontros dixitais cos responsábeis políticos.
- Instalar nas sete grandes cidades webcams situadas nas vías urbanas e estradas máis saturadas para que poidan ser consultadas na rede polos usuarios antes de utilizar o coche.
- Estabelecer nas sete grandes cidades un sistema que, mediante 'pulsadores' ou outros dispositivos de contacto inmediato, garanta a atención permanente das persoas que pola súa situación de enfermidade ou outro tipo de dependencia así o requiran.

PSdeG: "Novas Tecnoloxías para a relación co cidadán"

Os socialistas céntranse en reducir ou rendibilizar uso do automóbil privado nos desprazamentos aos centros de traballo, e apostan por devolverlle o espazo público urbano aos peóns.

Algunhas iniciativas concretas sobre Novas Tecnoloxías:
- Utilizar as tecnoloxías da información para poder -especialmente as persoas con discapacidade- participar nos asuntos municipais, acceder ós servizos, e realizar trámites e consultas.
- Informar sobre a mobilidade: SMS, máquinas de información sobre combinacións de transporte público e páxinas web. - Adecuar as vivendas ás realidades das persoas con discapacidade mediante a domótica.
- Estender a banda larga ás zonas rurais, e crear unha rede de 3000 telecentros, para reducir a brecha dixital entre as zonas rurais e as urbanas.
- Impulsar e desenvolver a administración electrónica, con independencia do tamaño do concello e da súa situación xeográfica.

BNG: "Cursos de alfabetización e software libre"

Os nacionalistas defenden o acceso de toda a cidadanía á internet, especialmente de colectivos como a mocidade, as mulleres, os desempregados e a terceira idade.

Algunhas iniciativas concretas sobre Novas Tecnoloxías:
- Conectar todos os concellos coa Xunta para dispor de servizos de: consultas on- line para persoas con dependencia, formación de coidadores, bolsa de emprego para profesionais dos servizos de proximidade, farmacia a domicilio e préstamo de axudas técnicas.
- Realizar cursos de alfabetización nas TIC, tanto dirixidos á poboación en xeral como a colectivos específicos como mocidade, mulleres, desempregados e terceira idade.
- Habilitar salas de informática con aceso gratuíto á rede, co fin de fomentar o maior achegamento da cidadanía ás novas tecnoloxías.
- Promocionar o uso do software libre e estándares abertos, co compromiso do concello co uso de estándares abertos.
- Estender a banda larga de a todos os núcleos de poboación dos concellos, con especial atención aos rurais, facendo seguimento dos convenios coas operadoras.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: