A maioría dos incendios foron intencionados e máis da metade da superficie queimada foi froito de lumes prendidos durante a noite.
Ourense foi unha vez máis a área que acumula a maior parte das zonas afectadas polo lume durante os últimos meses. Desde o pasado mes de xaneiro arderon 1.455 hectáreas nesta provincia, sobre un total de 2.859 h. en toda Galiza. Así e todo, a maior parte das superficies queimadas eran de monte raso, 1.324. Mentres, a provincia da Coruña viu queimarse 901 hectáreas, pero destas un total de 431 eran monte arborado. Pontevedra foi desta volta a zona menos afectada polos incendios, que queimaron 178 h. O total de lumes en todo o país nestes nove meses: 1.689. O comportamento foi moi semellante na chamada época de alto risco, entre os meses de xuño e outubro, período no que arderon 1.989 hectáreas e a maioría de superficie arborada afectada.
Na convicción de que o acontecido o verán de 2006 foi unha situación excepcional, a Consellaría do Medio Rural decidiu estabelecer a comparativa dos datos deste ano fronte aos do período 1997-2005. Segundo esa evolución o número medio de lumes descendeu un 83% e a porcentaxe de superficie queimada foi un 90% menor. Ao respecto, non consideran que a choiva fose un factor determinante no baixo número de incendios, xa que a media pluviométrica de 2007 e similar á da última década.
Por outro lado, a avaliación dos lumes que se produciron concluíu que o 63,8% do total foron intencionados. Neglixencias e queimas descontroladas aparecen a continuación e moita distancia como causas máis habituais, cun 4,4% e 4,3% respectivamente. Ademais, do 19% dos lumes non se sabe con exactitude como se orixinaron. Chama a atención tamén a elevada cantidade de incendios que se inician pola noite, en circunstancias nas que en boa lóxica non deberían producirse lumes por causas naturais. Así, os incendios nocturnos chegaron a 470, a terceira parte do total, e queimaron 1.530 hectáreas, algo máis da metade do total de 2007. Medio Rural defende ademais que se reduciu en até 40 minutos o tempo medio necesario para controlar un incendio, comparando os resultados desde ano coa media da última década.
"Son datos esperanzadores que motivan a seguir traballando e confirman que a sociedade galega non está resignada a aceptar ano tras ano o alto número de incendios que vén sufrindo", afirmou o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, durante a presentación das cifras este venres.