A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), encargarase da vixilancia e a inspección do territorio e da protección do litoral, para combater as infraccións que poida haber.
O novo organismo asumirá as competencias en materia de disciplina urbanística e de protección do litoral que estaban atribuídas á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e comezará a funcionar após a publicación do decreto no DOG.
Os expedientes sancionadores que tramite o novo ente chegarán ao Consello da Xunta, onde se resolverán. A Axencia traballará polo bo cumprimento da Lei do solo e asesorará a Xunta e a concellos, cando llo pidan, en materia de urbanismo. Os concellos poderán integrarse voluntariamente nela, e así a Axencia comezará a inspeccionar, supervisar, e, se fai falta, sancionar e restablecer a legalidade urbanística do municipio.
Para frear a degradación do territorio
A Axencia únese a outras medidas da xunta (como a Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, aprobada o maio pasado e que só afecta ao 1% do solo urbanizábel de Galiza), para preservar os valores paisaxísticos e a riqueza natural galega (sobre todo na costa), mentres non sexa aprobado o, aínda máis amplo e específico, Plan de Ordenación do Litoral.