Veciños de Trives aproveitaron para mostrar o seu malestar polo trazado da A-76.
O presidente do goberno español aproveitou un acto de precampaña en Ourense para falar por enésima vez do TAV. Diante de preto de cinco mil simpatizantes, Zapatero asegurou que se repite como xefe do executivo estatal vai darlle “máxima prioridade” ás conexións ferroviarias galegas. Segundo o candidato socialista, Galiza tivo un déficit de investimentos e de “formas democráticas á hora de gobernar”.
Rodríguez Zapatero tamén aproveitou sinalou que é preciso potenciar “a identidade e a vontade de autogoberno”. Tamén falou de cuestións lingüísticas ao afirmar que o galego ten que ser recoñecido a nivel estatal como “unha lingua que enriquece e convive”.
Non todo foron aplausos
Mais Zapatero tamén tivo que escoitar algo máis que “presidente, presidente”. No exterior do pavillón dos Remedios, un grupo de veciños do Ribeiro mostraban o seu malestar polo polígono ambiental que a Xunta promove en Carballeda de Avia. Fóra tamén se atopan outro grupo de persoas que reclamaba un cambio de trazado na autovía A-76 para que se teña en conta a Trives. Un representante deste último colectivo logrou entrar no pavillón, de onde foi desaloxado.