Novo convenio coa Universidade de São Paulo en Brasil para a promoción da nosa lingua, e renovación do xa existente coa Universidade da República en Uruguai.
A Universidade de São Paulo incluirá o galego nos seus planos de estudo
Os universitarios brasileiros poderán estudar a lingua e a cultura galega grazas a un acordo firmado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de São Paulo polo que por primeira vez van colaborar na docencia, investigación e promoción do noso idioma. O Consello da Xunta tamén aprobou a renovación do acordo de colaboración existente coa Universidade da República uruguaia, polo que o galego forma parte do seu plano de estudos.
Mediante estes convenios as universidades comprométense a ir máis alá do académico para estendérense a toda a súa área de influencia. A través de conferencias, mesas redondas, seminarios ou exposicións as entidades académicas tentarán traspasar o ámbito universitario e difundir a nosa lingua.
O Plan xeral de normalización da lingua galega ten entre os seus obxectivos a consolidación do ensino e a investigación do noso idioma nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico. Actualmente, a rede de difusión exterior do galego conta con 45 centros de estudos galegos e 36 lectores.