O órgano encargado de velar pola legalidade da construción nas zonas protexidas contará con órganos administrativos centrais e provinciais.
A costa norte do país é unha das zonas máis afectadas / Google Maps
O Consello da Xunta aprobou este xoves o organigrama da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), cuxos estatutos se publicaron no DOG o 16 de novembro. O decreto estabelece que pasen a depender da axencia a subdirección xeral de Disciplina e Informes e os servizos provinciais de Protección do Litoral, que antes dependían de Política Territorial.A APLU, ente consorciado cos concellos, terá o cometido de vixiar e inspeccionar o territorio e protexer o litoral para velar polo cumprimento da legalidade, previndo e combatendo as infraccións en materia de urbanismo e de costas, especialmente nas zonas máis sensíbeis. A súa estrutura estará composta por órganos directivos (Consello Executivo e dirección), a subdirección da axencia (dependente da dirección), unidades administrativas centrais (onde se inclúen os servizos de inspección urbanística, do litoral e técnico), e unidades administrativas provinciais.Serán membros da axencia, segundo marcan os estatutos da mesma, os concellos que voluntariamente se integren nela nos termos e condicións estabelecidos. Será preciso asinar un convenio de colaboración aprobado tanto polo pleno da corporación como polo Consello da Xunta.
Apoio á pedra do país
O Consello tamén aprobou unha partida de 500.000 euros que destinará a Consellaría de Innovación e Industria para colaborar coas asociacións de minerais non metálicos para que conten con presenza na Feira Internacional da Pedra Natural 2008. O evento terá lugar en Madrid do 7 ao 10 de maio. Galiza contará cun espazo de até 200 metros cadrados de superficie.
Liña de alta tensión na Mariña
Déuselle luz verde, ademais, á proposta da Consellaría de Medio Rural de declarar a prevalencia de utilidade pública do proxecto de instalación dunha liña eléctrica de alta tensión entre Mondoñedo e Boimente, nos concellos de Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol e Viveiro promovida por Eléctrica del Viesgo. A liña, de 132 kV de tensión, recibiu o informe favorábel da delegación provincial de Medio Rural e da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Terá unha superficie de afección de 2,39 hectáras na comunidade de montes de Vilacampa, no Valadouro, e de 3,7 na de Santo Andrés de Boimente, en Viveiro.
Emprego
O Consello deulles o visto e prace a dúas iniciativas da Consellaría de Traballo. Por unha banda, investirá 2,92 millóns de euros na posta en marcha de accións formativas complementarias do Plan FIP, dirixidas a persoas en situación de desemprego. O programa formativo está subvencionado ao 80% polo Fondo Social Europeo. As axudas van dirixidas a proxectos formativos experimentais postos en marcha por empresas, entidades sen ánimo de lucro, entidades locais e corporacións de dereito público, e tamén a cursos de posgrao e aqueles organizados por escolas de especialización profesional das universidades do país.Ademais, destinarase máis dun millón de euros a actividades de formación para traballadores ocupados. Así mesmo, concederanse anticipos de até o 65% das axudas. Serán subvencionábeis as accións dirixidas a adquirir competencias profesionais teóricas ou prácticas de entre 10 e 250 horas. Os beneficiarios serán traballadores de pemes, autónomos e socios traballadores de entidades de economía social. Terán prioritarios os maiores de 45 anos en sectores relacionados coas novas tecnoloxías, os traballadores con dificultades de acceso á formación, as persoas que formen parte de microempresas e aquelas que traballen en zonas afastadas da oferta formativa.