Esvaécense as expectativas dun posible acordo de paz entre Israel e os brazos armados palestinos tras o asasinato de varios militantes.
Esvaécense as expectativas dun posible acordo de paz entre Israel e os brazos armados palestinos. Poucas horas despois de que o goberno de Hamás en Gaza pedise o cese de hostilidades con Israel, eran asasinados varios militantes palestinos, un en Tulkarem e catro en Belén.
As forzas de seguridade israelí entraron na tarde do mércores en Belén, vestidos de civís e, unha vez no centro da cidade, dispararon contra outro coche de civís. Nel ían catro dos activistas máis buscados dos últimos anos, que morreron no acto. Os corpos foron trasladados inmediatamente ao hospital de Hussein, preto do lugar dos feitos, onde en seguida se deron cita milleiros de persoas para honrar a morte destes novos shuhada -mártires.
Un dos activistas asasinados era un dos sospeitosos da organización do atentado do pasado xoves en Xerusalén. Levaba varios anos fuxindo do exército israelí e este mesmo mércores pola mañá declaraba á prensa local que a ocupación israelí non quería arrestalo, senón matalo. Así mesmo, hai uns meses afirmaba que a conferencia de Anápolis non tiña en conta ao pobo palestino, e que eran os revolucionarios os que conseguirían a amnistía.
Continuando os cruces de declaracións entre palestinos e israelís, como despois de cada ataque, pouco despois da incursión israelí en Belén, Nafez Azzam, líder da Jihad Islámica en Gaza, declaraba que este crime reflectía a verdadeira cara da ocupación e que era un erro pensar que este acto provocaría a rendición palestina. Así, nova xornada de loito en Palestina e alerta máxima na zona.