Un pequecho cubo recorrerá prazas de vilas e cidades convidando os veciños a entraren a botar un conto. Con todas as pezas vaise facer un vídeo.
Inspirada na brincadeira literaria do "cadáver exquisito", para estimular o azar creativo, ao entraren no cubo, os participantes recibirán o inicio dun conto, "o suficientemente aberto para que sexa a participación cidadá a que guíe o resultado".
Trátase dun cubo de tres metros de lado e onde hai unha pequecha sala cun asento, un monitor de televisión e os aparellos necesarios para a gravación do conto. Os contos encadeados servirán para armar unha única peza que se poñerá en internet, na web Galegoelogo.com para que todas as persoas interesadas "poidan coñecer o resultado final da historia colectiva e comparalo co doutras vilas e cidades galegas".
O obxectivo é ademais estimular o uso do galego en espazos públicos, fomentar a creatividade e a espontaneidade en lingua galega "e aproveitar a riqueza oral do idioma e as súas variantes dialectais". A iniciativa está promovida pola secretaría xeral de Política Lingüística. Este sábado estará en Santiago de Compostela, na Praza Roxa. O domingo na Estrada, na Praza da Constitución.
Poden consultar no calendario do Contador cando pasará a iniciativa por cada vila.