A Mesa presentou o material gráfico de apoio á mobilización de Compostela, para a que se habilitarán autobuses de balde.
A Mesa presentou a campaña gráfica que presidirá a manifestación nacional do 18 de maio e que terá como lema "Polo dereito a vivirmos en galego". Repartirá 20.000 cartaces, 15.000 adhesivos, 5.000 deles para automóbiles, e 10.000 folletos. O presidente da asociación, Carlos Callón, confirmou que xa hai 70 organizacións que apoian o manifesto, o que garante que haberá unha "gran participación".
Callón anunciou que se poñerán autobuses gratuítos para acudir ao acto reivindicativo, que partirá ao mediodía da Alameda de Compostela. Para iso será necesario poñerse en contacto coa Mesa, quer a través do teléfono, quer a través do correo electrónico. O responsábel da Mesa animou a sociedade a participar a prol da lingua, porque "estamos nunha encrucillada na que, ou ben pode ficar como unha lingua residual sen usos espontáneos, encamiñada á súa desaparición, ou ben podemos conseguir a súa plena recuperación e expansión a todos os ámbitos da sociedade”.
A Mesa denunciou presións "por parte de grupos que queren que a lingua galega desapareza, detrás das cales se atopa un importante partido político”, pero tampouco deixou o Goberno fóra das críticas. Referido ao conselleiro da Presidencia, "Méndez Romeu irá seguramente o sábado (17 de maio) poñer flores á tumba de Álvarez Blázquez, mentres os programas informáticos do seu departamento non permiten escribir en galego, nin os topónimos".