Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
DÚAS SEMANAS DE ACTIVIDADES

A presenza galega na Feira do Libro de Bos Aires

A expedición de escritores, ilustradores, editores e demais chegou á cidade porteña coas maletas cheas de presentacións e actividades que renovaron a ollada sobre a terra que impera nos arxentinos.

Débora Campos - 13:30 07/05/2008

Os escritores Francisco Fernández Naval, Ramón Caride Ogando e Carlos Arias, a ilustradora Marisa Irimia, a poeta Estíbaliz Espinosa e funcionarios do sector además de editores galegos, chegaron a Bos Aires cunha grande cantidade de presentacións e actividades que mostraron aos arxentinos unha nova visión de Galiza.

As presentacións que a delegación de escritores, artistas e funcionarios galegos que participou da 34º Feira Internacional do Libro de Bos Aires ofreceron na capital arxentina sementou entusiasmo e imprimiu e alimentou unha ollada renovadora sobre a Galiza e os galegos e galegas.

Os escritores Francisco Fernández Naval e Ramón Caride Ogando foron dos primeiros en chegar dende Galiza xunto a o narrador Carlos Arias, a ilustradora Marisa Irimia e a delegada provincial da consellería na provincia da Coruña, Milagros Lantes.

Estadía en Arxentina
Fernández Naval e Caride visitaron a Sala Alfonsina Storni do café Tortoni o sábado 26 de abril para coñecer e falar cos integrantes do ciclo de literatura galega que alí se desenvolve. Os dous narradores e poetas achegaron un panorama da literatura galega da actualidade e salientaron a importancia da tradución para que os autores de Galicia cheguen aos lectores de todo o mundo.

Ao longo da súa estadía na Arxentina, tamén ofreceron charlas en centros da colectividade galega en Bos Aires, visitaron institucións e participaron das actividades previstas para a Feira do Libro.

Case ao tempo en que marchaban os primeiros en chegar, chegou a poeta Estíbaliz Espinosa. A autora coruñesa tamén coñeceu os rapaces e rapazas do colexio Santiago Apóstol e encheu a sala Leopoldo Lugones na noite do domingo cun sopro fresco e renovador a forza de música, imaxes e verbas. Abriu a súa presentación na Feira do Libro cantando docemente e logo percorreu o que chamou as "teimas" da súa obra lendo poemas e tecendo con eles lembranzas e historias. A particularidade da súa obra e o encanto da súa ollada sacudiron os tópicos sobre a poesía e as rimas e perfumaron de audacia e enerxía os espíritos alí presentes.

Nese mesmo acto, a secretaria Xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou xunto co director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, a segunda edición do libro Polifonías cuios poemas foron lidos polas mulleres que integran o colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata.

As verbas de Blanco Amor
Un luns pola noite Eduardo Blanco Amor volveu a percorrer a cidade que tan ben coñeceu. Foi na presentación da reedición de La Parranda, a versión castelá d'A Esmorga que o propio autor traduciu en Bos Aires. O poeta Rodolfo Alonso, a escritora e investigadora María Rosa Lojo e Luís Bará foron os encargados de lembrar non só a figura do escritor senón tamén a relevancia da súa novela e a actualidade que aínda ten, como sempre pasa cos clásicos. Antes de rematar, o funcionario presentou na Arxentina o portal Letras de Galicia que moito pode axudar á difusión da narrativa e da poesía galegas actuais que case que son descoñecidas nesta beira do Atlántico.

De Mos a Mos, Malvela ofreceu o seu último concerto na Asociación de Residentes de Mos de Bos Aires que estaba a tope de persoas dispostas a gozar da música e da simpatía destas mulleres e destes músicos que ofreceron felicidade intensa a todos cantos enchían o enorme salón do centro galego. Como dixo unha das integrantes do grupo, se hai unha diferenza entre cantar na ducha e cantar como elas o fan, esa diferenza ten nome e apelido: Uxía Senlle.

Antes de regresar a Galiza, Luis Bará tamén visitou a funcionarios e responsábeis do sector do libro do goberno porteño. E fíxose un momento para pasar polo Tortoni e coñecer aos seus lectores galegos. Ao chegar, colleu un caderno e non deixou de apuntar -sobre todo- problemas, dificultades e eivas. Sorprendeuse coa noticia de que a única libraría galega da Arxentina -que funcionou ao longo de moitos anos no Centro Galego- viña de pechar as súas portas porque "non daba ganancia", segundo os directivos da entidade.


3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A poeta Estíbaliz Espinosa
A poeta Estíbaliz Espinosa
Luís Bará e Carme Adán
Luís Bará e Carme Adán
Luís Bará, María Rosa Lojo e Rodolfo Alonso
Luís Bará, María Rosa Lojo e Rodolfo Alonso