A libraría Couceiro loce nova ubicación na Praza de Cervantes de Santiago. O modesto espazo aberto por unha figura clave no mundo editorial galego como é Xesús Couceiro foi evolucionando ao longo de 35 anos cun compromiso irrenunciable a prol da cultura galega. Falamos con Pablo Couceiro, un dos continuadores deste fermoso proxecto e dun lugar de referencia para o libro galego.
Cando comeza a historia da libraría Couceiro?
Alá polo ano 1969. Daquela unha nova e humilde libraría abre as súas portas na rúa de San Pedro de Santiago de Compostela. Non son anos fáciles para a cultura, pero detrás da empresa atópase a decidida vocación de seguir un difícil e estreito camiño, apaixoante para os que o emprenden con ilusión pero pragado de obstáculos económicos, sociais e mesmo políticos, nuns anos nos que moita da cultura impresa tiña que agocharse ante a persecución de que era obxecto por parte das autoridades.
Con todo, o ano clave deste proxecto foi o de 1975, non si?
Foi, porque a partir dese ano, o que era un pequeno espazo da rúa de San Pedro pasa a ocupar na rúa República de El Salvador, o amplo espazo no que vai a facer boa parte do seu papel de difusión cultural e onde irá converténdose pouco a pouco en referente obrigado da cultura en Santiago e en toda Galiza, terminando mesmo por ter proxección máis alá das fronteiras do estado. Dende alí, a Libraría Couceiro vai participar activamente no novo rexurdimento da nosa cultura que a partir deses anos, faise imparable por todo o territorio galego e ao que a libraría, co seu boletín BENDADO e coas continuas actividades en torno ao libro e autores galegos.
A comezos dos 80 tomastes un novo impulso.
Efectivamente, no ano 1983 a libraría realizou unha completa transformación física ao mesmo tempo que facía unha aposta definitiva polo libro galego, procurando que chegaran aos seus andeis o maior número posible de publicacións relacionadas con Galiza e o galego. É tamén entón cando a libraría comeza a publicar unha serie de libros facsimilares de obras emblemáticas como Sempre en Galiza, Retrincos, Os afillados do demo, Nuestra afirmación regional…
Por que decidistes abrir un espazo adicado ao libro antigo?
Foi en 1997 cando inauguramos unha nova libraría na rúa do Hórreo tamén en Compostela, seguindo a liña marcada nun principio coa especialización, adicada ao libro antigo e de ocasión ao que xa se dedicaba anteriormente parte da libraría da República de El Salvador e da que non había oferta na cidade.
Tamén chegou o momento de facer o salto á Rede.
Agora é algo imprescindible. No ano 2001 naceu www.librariacouceiro.com froito do interese por facer chegar a Galiza e a súa cultura canto máis lonxe mellor, e coa que comezamos unha andadura tan apaixoante como descoñecida anteriormente pola libraría de difusión do libro en Internet
E o ano pasado, despois de máis de trinta e cinco anos de servizo á cultura, a Libraria Couceiro inaugurou novo edicificio
Esperamos que sexa a súa ubicación definitiva. É unha vella casa de cinco plantas totalmente restaurada e todas de cara ao público, na emblemática Praza de Cervantes a escasos cen metros da catedral Compostela. Cada andar está adicado a unha temática xeral. Así, o soto está adicado ao libro infantil e xuvenil; o baixo, ao libro castelán e turismo; o primeiro, ao libro galego; o segundo ao libro vello e actividades culturais, presentacións, charlas, etc; o terceiro, ao libro de ocasión, lecer e ao obradoiro de encadernación.
Unha evolución espectacular dende aquel espazo incial.
Na actualidade na libraría na que empezou traballando unha soa persoa, traballan nove; dun local que no ano 1969 ocupaba cincuenta metros cadrados escasos pasamos a máis de catrocentos. Un negocio familiar ve coma a segunda xeración con Pablo, María e Araceli xa se vai preparando e queren continuar o soño que unha vez tivo seu pai Xesús Couceiro e que coa axuda da súa dona Lourdes e de todos os que traballaron con el cumprirá corenta anos no 2009.