Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Opinión

Un por un, dous

Hai xente que seguirá dicindo que a Terra é plana aínda que a monten nunha nave espacial e a poñan a dar voltas e máis voltas arredor do planeta azul. Évos xente de principios… e que ten claros os fins. Cando hai unha oposición tan grande a entender ou asumir a evidencia mostrada por todos os estudos serios que se fan sobre unha materia, está claro que non interesa facelo. É o que adoita suceder cos monolingües nun idioma dominante (con perdón da redundancia, pois nas sociedades modernas raramente hai monolingües en idiomas dominados). Contra toda evidencia científica, sempre hai un grupo deles máis intransixente que sostén que aprender unha lingua minorizada é, dende unha perda de tempo, ata un risco para o cerebro, pasando por un impedimento para adquirir cabalmente outro idioma de maior prestixio.

Nusca Senín - 20:31 20/06/2008

English for the children


Hai uns días chegou ás miñas mans un artigo escrito no 2001 por James Crawford onde se dicía que a “evidencia científica” en materia de adquisición de linguas non desempeñou “ningún papel” nas decisión políticas sobre a educación bilingüe nos Estados Unidos. A dita evidencia consistía en que a educación no idioma dunha comunidade lingüística minoritaria se mostraba eficaz, non só para aprender esa lingua, senón tamén para promover a adquisición do inglés. Tamén se falaba no artigo da campaña English for the Children (inglés para os nenos), financiada polo multimillonario deseñador de software Ron Unz. No canto de atacar os inmigrantes, Unz presentouse como o seu defensor, apelando ao dereito dos fillos dos estranxeiros a aprender inglés e integrarse na sociedade americana. Ata daquela, os defensores do inglés fronte ao ensino bilingüe non foran tan sutís e o seu racismo quedara sempre demasiado patente. Pero esta campaña, contraria a todas as conclusións das avaliacións e da investigación na materia, tivo éxito e conseguiu que en diversos estados se convocasen e se gañasen referendos para prohibir o ensino bilingüe, o único que lle garantiría realmente á poboación inmigrante a aprendizaxe cabal do inglés.


Un decreto con sentidiño


Aquí aprobouse recentemente un decreto para o ensino que si se basea en todo o que sabemos, dende o punto de vista científico, sobre a adquisición de linguas e sobre o ensino en contexto bilingüe. En consecuencia con iso, estableceuse que se impartirían en galego, polo menos, o 50% das materias, entre elas algunhas con prestixio social (todas as materias son importantes, pero non todas teñen a mesma valoración da sociedade). Esta é a única maneira de garantir a competencia bilingüe en galego e castelán, obxectivo declarado tanto do mencionado decreto como da LOE, que é a lei educativa vixente.

Monolingüismo ao cadrado

Pero aquí tamén hai “Rons Unz” que pretenden promover unha volta atrás. Disfrázanse de defensores do bilingüismo, cando avogan claramente polo monolingüismo. Que cada alumno estude nunha soa lingua e aprenda unha soa lingua é o que se coñece como ensino monolingüe e a multiplicación de ensinos monolingües (monolingüismo en galego para alumnado galegofalante por monolingüismo en castelán para alumnado castelanfalante) dá monolingüismo ao cadrado, non bilingüismo. Ben, con matices, porque a experiencia mostra que o alumnado galegofalante, nun sistema así, si será bilingüe, dado que poderá transferir doadamente os coñecementos aprendidos en galego ao castelán, mercé ao prestixio e presenza social deste.

Polo momento, os defensores do monolingüismo ao cadrado son catro gatos, pero parece que teñen cartos e, dende logo, están fortemente apoiados polos medios de comunicación, que publican cada palabra que eles din, en tanto ocultan as opinión dos auténticos promotores do bilingüismo.

Menten descaradamente para conseguir sinaturas, chaman ao incumprimento da lexislación e, a pesar de que foron requiridos para facelo, non foron capaces de explicar en que estudos baseaban as súas peculiares conclusións sobre o ensino. Mais van de honrados cidadáns, defensores da liberdade e vítimas desta sociedade inxusta. Mentres, catalogan as opinións dos que avogamos polo ensino en galego de radicais e ideoloxizadas. E as accións illadas dalgún gamberro sen cerebro sérvenlles, a eles e á prensa que os apoia, para descualificar os centos de cidadáns que traballamos pacificamente e sen espaventos, usando a razón e o coñecemento, por facer unha sociedade mellor para todos, e non só para os nosos intereses.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete