Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
POLÍTICA

Ideoloxía e política de corredoira

 
A desgrazada historia da axente electoral do PSOE pagada con fondos públicos faime pensar na relación entre ideoloxía e política, nos prexuízos cos que tamén afrontamos as diferenzas de pensamento. E usando o humilde poder que teño como cidadá, pregúntome: será logo certo que as diferenzas entre os uns e os outros esvaecen tan axiña como chegan ao goberno? Xa o dicía Churchill: "Se queres saber como é alguén, dálle poder". 

Lupe Cendal - 23:54 23/06/2008
Tags:

   
Caso 1:

Usando parecidas tácticas aos anteriormente deostados caciques, que instauraron a pirueta do voto emigrante, descubrimos un exemplo de práctica democrática. O da misteriosa axente electoral financiada pola Consellería de Traballo para exercer funcións  en non me lembro que chiringo do interior de Galicia e que acabou nas Unións Agrarias, entre Muxía, Vimianzo e o Mar do Plata, e despois cabreada foilles co conto aos da oposición de todo o mercadeo. Estas cousa hai que poñelas a carón dos discursos a favor do voto do emigrante para descubrirmos a fonda ética democrática dalgúns gobernantes.   

Caso 2:

Os sindicatos levaban reclamando durante anos que os interinos puidesen facerse fixos. Conseguírono. Moitos deles entraron de maneira peculiar cun goberno de dereitas; agora, a esquerda decide adecentar as súas condicións laborais, porque ... a precariedade é algo inmoral. E logo, esqueceu esta xente toda as oportunidades que tiñan en cada nova oferta de emprego público ata hoxe? Pero eles non piden unha oportunidade, que xa levan unhas cantas perdidas, piden unha oportunidade privilexiada. E dánllela. Que todo opositor comprenda que neste país vale máis unha hora de relacións sociais adecuadas que unha hora diante dos libros. Xa o dicían os vellos: o importante é ir entrando.  

Caso 3:

Entre o 25 e o 30 de xuño, milagrosamente, algún dos profesores de baixa van coller a alta xestionada por un médico amigo. Estarán activos durante as vacacións, de baixa no tempo de traballo. Os substitutos dan clase a metade do ano, avalían a ollo, e en setembro xa virá outro diferente. Lembras aquel profe que andaba cun talonario de baixas asinado que cubría sen reparo ningún? Era bo tipo, axudaba aos colegas en fase depresiva. É o que ten ter amigos. 

Caso 4:

Os gobernos contratan sempre que poden os próximos, as coñecidas. Os pasos sabidos: 1. Goberna 2. Dille aos próximos que creen unha empresa ou se dean de alta como autónomos; 3. invéntate contratos menores que poidas adxudicar directamente a quen che pete; negocio redondo. Morreu a concorrencia, e con ela a necesaria busca do esforzo por mellorar: que viva a mediocridade do amigo! Reporta votos e tardes divertidas. Tiña razón a señora Sinda: aprende a relacionarte, fillo, ou marcha desta terra.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: