Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

Á Igrexa preocúpanlle máis as plumas cós micrófonos

Un recente artigo de J.L Ortega en Vida Nueva –revista católica nada sospeitosa de radicalismo, aínda que hoxe en día todo podería resultar sospeitoso, dada a patoloxía ultramontana que penetrou boa parte do goberno da Igrexa-, poñía un dedo na chaga. Dicía o articulista: “A divulgación dun libro sobre Xesús Cristo –referíndose ao de Pagola- activou todas as alarmas eclesiais e tanto persoas como certas instancias puxeron en solfa o autor. Ao propio tempo, un programa radiofónico no que habitualmente se falta ao respecto e á caridade e que mereceu unha condena xudicial por inxurias, non recibiu o menor reproche público, sendo precisamente a Igrexa a propietaria da emisora”. 

Redacción - 20:00 04/07/2008

E segue:Algunha vez tiven a impresión de que a Igrexa coida moito máis o que se refire á fe que o que afecta á caridade, ao amor. Tamén me pareceu que a Igrexa valora máis o que se escribe e le que o que se di e se escoita. Ou sexa, que lle preocupan máis as plumas cós micrófonos. Desa ambigüidade parece desprenderse que as terxiversación do mandamento do amor non son tan graves como os hipotéticos desvíos teolóxicos”.

Esa realidade eclesial na que nos movemos provoca, sen dúbida, un sentimento de orfandade ou éxodo entre moitas persoas crentes, “pero” abertas ao mundo moderno e comprometidas coas realidades sociais que vivimos. De aí a importancia de seguir cutivando oasis nos que expresar unha fe cristiá, comunitaria e liberadora. Para despois volver á vida con ánimo para querer ben á xente e esperanza para loitar polo que é xusto, e todo sen sentírmonos raros coma cans verdes.

Unha desas realidade é a Romaxe de crentes galegos e galegas para a que estamos de novo convocados pola Asosiciación Irimia. E será a trixésimo primeira.  Xa sabemos que os señores bispos galegos, que son xente de bo corazón, recibirán de novo a presión visceral dos ultraortodoxos. Pero tamén sabemos que entre a xente que ocupa postos de responsabilidade xerárquica hai moitos que pensan como o articulista arriba citado: é o momento de cambiar da lei ao amor, invento este que, abofé, non é precisamente unha novidade teolóxica dos heterodoxos laicistas.  


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete