Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Protesta de Traballo e Vicepresidencia

O Instituto da Muller causa o quinto conflito competencial da Xunta co Estado

O Consello da Xunta aborda a interposición dun requirimento polo programa 'Emprender en feminino' do Ministerio de Igualdade.

Redacción - 13:00 17/07/2008

O programa 'Emprender en feminino' ten por obxecto fomentar a inserción laboral por conta propia das mulleres, un ámbito que na actualidade lle debería corresponder á Xunta de Galicia. Así o entende a Secretaría de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta, a Consellería de Traballo e a Secretaría Xeral de Igualdade. Cren que esta orde emanada do Ministerio de Igualdade vulnera a repartición competencial establecida pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, ao deixar por completo en mans do Estado un proceso de subvencións dunha materia como a asistencia social que é competencia exclusiva de Galiza.

Esta disposición do Ministerio de Igualdade regula as condicións e procesos de concesión de subvencións e atribúe ao Estado cuestións como a xestión, a concesión e o pagamento das axudas. Ademais, non se contempla ningún tipo de intervención dos gobernos autonómicos.

Outros casos de invasión de competencias
O Goberno interpuxo no que levamos de lexislatura catro conflitos de competencias. Foron por cuestións como unha orde de servizos sociais, os parques eólicos mariños, formación continua ou a atribución do Estado dos recursos do IRPF destinados a fins de interese social.

Tamén presentou un recurso de inconstitucionalidade, neste caso pola reforma da lei do sector eléctrico. Pola súa banda, o Estado recorreu ante o Tribunal Constitucional a Lei de Dereito Civil de Galiza.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: