Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ouro para o alemán Frodeno

Exhibición sen premio do triatlón galego

Aspiraban a traer o metal dourado para Galiza, pero a dureza da proba deixou a Xavier Gómez Noya (4º) e Iván Raña (5º) á porta do podio.

Redacción - 05:50 19/08/2008
Tags:


Xavier Gómez Noya partía como gran favorito para a proba de Beixín, a onde chegou como actual Campión Mundial e líder invicto da Copa do Mundo. O ferrolán controlou a carreira en todo momento, nadando entre os primeiros, para facer a transición á bicicleta en 7º lugar tan só 13' detrás do líder Shane Reed e 12' diante de Iván Raña. Os galegos mantiveron boas posicións durante o tramo de ciclismo, sen entrar aos múltiples ataques que se foron sucedendo. A carreira endureceuse a partir da 3ª volta ao circuíto e así, no final da 4ª formouse unha escapada que acadou certas diferencias. Estaba integrada polo mexicano Serrano (que non tardaría en quedarse atrás), o luxemburgués Borkel e o Belga Zeebrock. Non eran corredores importantes, polo que se lles permitiu chegar cunha vantaxe próxima ao minuto ata o comezo dos 10 quilómetros reservados para a carreira a pé.

Exhibición sen premio

Os dous galegos chegaron moi ben situados á segunda transición, e colocáronse nas primeiras posicións do grupo perseguidor que foi mermando a diferencia cos escapados ata neutralizalos ao final da segunda volta ao percorrido pedestre. Desde entón, Raña púxose primeiro, seguido de Gómez Noya. O de Ordes fixo un drástico cambio de ritmo mediado o terceiro xiro, que non acadou o resultado agardado e rematou por pasarlle factura. Iván descolgouse a falta de case tres quilómetros, deixando en cabeza o cuarteto formado por Wihtfield (Canadá), Frodeno (Alemaña), Doherty (Nova Celandia) e o galego Gómez Noya, que o relevou á fronte da carreira.

O ferrolán levou a cabo a súa táctica habitual, consistente nun aumento progresivo do ritmo, pero as súas forzas parecían non estar tan por enriba do resto como estamos acostumados, e os tres rivais aguantaron ata a entrada na recta final. Gómez Noya non é un home de sprint, e pareceu un pouco xusto de forzas ao final, polo que foi o primeiro en ceder cando nos metros finais comezaron os ataques para repartir as medallas. Ao final a sorpresa foi enorme cando o alemán Jan Frodeno acadou a vitoria, primeira para el nunha gran proba, seguido de Wihtfield e Doherty. A 20 segundo do vencedor entraba Xavier Gómez Noya, e só 8 despois facíao Raña.




Así o seguiu Vieiros en directo:



5h50:
Ouro para o alemán Frodeno. Whitfield consegue para Canadá a prata. Nova Celandia queda co bronce de Docherty. Galiza deixa a pegada no 4º e 5º lugar de Xavier Gómez Noya e Iván Raña.

5h49: Descólgase Gómez Noya! Diante sprinta Frodeno cara ao ouro. Whitfield ségueo pola prata. Docherty será bronce. Noya vai chegar cuarto. Atrás vemos a Raña no quinto lugar.

5h48: Coa meta á vista, o trío de cabeza perde gas. Únese Whitfield, un home perigoso no sprint final.

5h45:
Noya márchase con Frodeno e Docherty. Whitfield semella non poder manter o ritmo. Tres atletas para tres medallas.

5h40:
Gómez Noya acelera o paso. Raña descólgase un chisco. Só Frodeno, Whitfield e Docherty parecen poder seguirlle a sombra. Soa a campá. Dous quilómetros e medio para o reparto de medallas!!

5h35:
Trote poderoso do de Ordes que lidera o grupo. Collen auga. Cinco corredores en cabeza. A Raña, Noya, Brownlee e Docherty únese o mangallón alemán Jan Frodeno. E atención ao sexto en discordia: o canadense Simon Whitfield, campión olímpico en Sidney. Media ducia de aspirantes a repartírense tres medallas.

5h31:
Raña escapa!! Ségueo Noya. Só Brownlee parece capaz de seguilos. O neocelandés Bevan Docherty úneselles desde atrás.

5h30: Neutralizados os escapados. O danés Rasmus Henning colle o temón do grupo. O británico Alistair Brownlee a pé del. Xusto atrás deles Raña e Noya.

5h26:
No paso diante do palco, ateigado de seareiros, o dúo cabeceiro leva apenas 25'' de vantaxe. Os grupo perseguidor aperta o paso e estírase.

5h24:
Atrás de Zeebroke e Bockel fórmase un grupo dunha ducia de corredores. Entre a media ducia dos que o lideran vemos a Raña e Noya.

5h18:
Iván Raña deixa a bici e inicia 8º a carreira a pé, a 56'' dos primeiros. Gómez Noya é 15º nesta transición, a 58''. No dúo de cabeza, o luxemburgués Bockel parece máis forte e colle uns metros.

5h16:
Bonita e deportiva imaxe. Zeebroke e Bockel chócanse as mans amistosamente medio minuto antes de deixaren as bicis.

5h12:
Quédase Serrano. Zeebroke e Bockel vanse sós. Atrás o portugués Bruno Pais fai un intento sen éxito de marchar do grupo. Os dous de cabeza de carreira conseguen poñer 44''.

5h05:
Nova Zelandia, un dos equipos poderosos, asoma pola cabeza do pelotón. Con todo, non parece haber vontade real de combinar esforzos para neutralizar os escapados. Bockel é o primeiro no paso por meta. Serrano aparece como o menos colaborador entre os tres de diante.

5h04: O trío cabeceiro vixíase. Non parece haber colaboración mentres atrás o grupo estira e aumenta a velocidade. Son 28'' de vantaxe para os escapados.

5h00: Os escapados tiran 25'' adiante do pelotón. Noya e Raña cruzan desta vez 19º e 25º.

4h55:
O mexicano Serrano, o luxemburgués Bockel e o belga Zeebroke animan a carreira agora cuns metros de vantaxe.

4h45: Ritmo de carreira lento. O belga Croes chega uns segundos diante do grupo que abre o brasileiro Moreira. Un grupo moi numeroso para esta altura de carreira. No medio do pelotón, Raña pasa 18º e Noya 31º.

4h38:
O xaponés Yamamoto pega un sprint lixeiro para pasar destacado por diante do público. No grupo e sen perder corda coa cabeza, Gómez Noya e Iván Raña van xuntos, 15º e 22º respectivamente, apenas a 5''.

4h30: Amplo pelotón. Gómez Noya marcha 9º. Iván Raña no posto 16º. Ben colocados os dous. O de Ordes tivo sempre na bicicleta unha das súas probas preferidas.

4h18:
Shane Reed sae primeiro da auga. Deixa o cronómetro en 18h28. Xavier Gómez Noia ven en cabeza. Marca 7º ao coller a bicicleta. Só 7'' de desvantaxe con Reed. Iván Raña chega un chisco máis atrás, pero tamén ben colocado, no posto 25º a apenas 20''.

4h15: Shane Reed destácase na auga. O neocelandés chega especialmente ben aos Xogos. Asinou o seu pase gañando unha proba do campionato ITU en Wellington por diante de Bevan Docherty, tamén de Nova Celandia, e un dos favoritos este martes. Naquela mesma proba a australiana Emma Moffat, bronce este luns na proba olímpica feminina, chegou primeira.

4h00: Saída!!

3h57: Como número un do ranking ITU, Gómez Noya puido escoller primeiro para esta cita olímpica á hora de repartírense os lugares de saída no peirao. O ferrolán vaise botar á auga desde a parte esquerda. O caos da saída complica ás veces o treito inicial na auga dos triatletas.

3h55: O escenario da proba é a Represa das Tumbas Ming. É unha instalación que será desmantelada ao finalizaren os Xogos. Por este motivo, a reutilización posterior dos materiais foi decisiva á hora de deseñar o proxecto. Así, a goma será destinada a uso escolar e o aceiro cederase a empresas de construción. Ademais, a enerxía empregada na iluminación procede de paneis solares, e a propia área de oficinas foi habilitada na área de xestión do Parque de Atraccións Jiulong, polo que retornará á súa función orixinal logo do evento. O recinto ten capacidade para até 10 mil localidades.

3h50: Día de calor abafante no contorno da represa das Tumbas Ming. Galiza aspira nesta xornada a gozar da competición olímpica co valor engadido da presenza entre os favoritos ás medallas de dous galegos. O poder amosado no último ano polo ferrolán Xavier Gómez Noya e o excelente estado de forma do veterano Iván Raña, convértenos en opcións serias a subir ao podio este martes.


4,83/5 (6 votos)


Comentarios (12)

Dogma #1 19/Agosto/2008 Dogma
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Meus parabens, un 4º e 5º posto pode ser unha decepcion no eido perosal, pero nunha proba coma a das Olimpiadas é todo un logro que dificilmente poderase repetir.

tacher #2 19/Agosto/2008 tacher
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

parabéns a Iván Raña e Gómez Noya, foi unha proba fermosa, malia quedarnos coa mel nos beizos

lenin #3 19/Agosto/2008 lenin
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¡Que mágoa! Raña probablemente non terá mais opcións de medalla en xogos olímpicos. Gómez Noya seguro que sí. A ver se o consegue. ¡Ánimo!

roixordo #4 19/Agosto/2008 roixordo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu só agardo que ambos entren a ler os comentarios do panfleto madrileño Marca onde a maioría os tacha de fracasados e cagados; casualmente os poucos comentarios de ánimo e parabéns son de galeg@s.

joam_k #5 19/Agosto/2008 joam_k
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Primeiro de todo parabens a Xavier e Iván. Ser cuarto e quinto nunhas Olimpiadas demostra o grande nivel dos triatletas galegos. Oxala en todos os desportes Galiza demostrase un nivel semelhante.
Por outro lado facer notar que os medios de comunicación deportivos ou seccións deportivas dos 'grandes' xornais son todo menos deportivas: Son especialistas en levantar expectativas 'casi seguras' e a continuación xerar 'frustración' sendo o resultado formidavel. E ainda por riba o 'espanholismo' desportivo é 'demente'.

Galiza seguirá cos seus desportistas independentemente do resultado.

Adiante o Xavier e Ivan e tambem a equipa de futebol 'Estrela Vermelha' de Compostela.

Anxo #6 19/Agosto/2008 Anxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Un grande orgullo, nunca unha decepción, estar nunhas olimpíadas xa é todo un trunfo, e o 4º e 5º posto é máis ca meritorio. Noraboa a Xavier e Iván, dous grandes campións, porque teñen unha grande traxectoria. Sería inxusto xulgalos por unha soa carreira que ademáis foi boa, pese a non conseguir metais.

Noraboa Xavier e Iván.

maria_castanha #7 19/Agosto/2008 maria_castanha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns e ánimo aos dous! Seguro que foi umha grande carreira, é umha putada ficar de 4º mas se se pensa é um bom resultado!

petopitopato #8 19/Agosto/2008 petopitopato
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Xavier e Iván son uns GRANDES deportistas.... mágoa que este mercantilismo estulto da medallitis lles faga sombra. Parabens campeons!

El_pastorrr #9 19/Agosto/2008 El_pastorrr
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bravo por eles, e merda pros xornalistas españois.

COUTOVEN #10 19/Agosto/2008 COUTOVEN
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Son as circunstancias. Por desgraza ese foi o mal día que ninguén desexa pero que temos que vivir. Javier e Iván non teñen nada que demostrar. Son campións e demostrárono en moitas batallas. Se a nós dóenos que non estean no máis alto do podio a eles moito máis. Seguro o seu orgullo como deportistas e bos patriotas Galegos non se resentirá por este transitorio mal momento.

Quedan outras competencias e outras olimpíadas no futuro.

Barcelos #11 19/Agosto/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Dúas de "Cal" e dúas de area, aínda que para min o de Gómez Noya e Iván Raña non é area, senó tamén cal.

A culpa, moitas veces, téñena os xornalistas que venden o ouro antes de competir e logo quérense colgarse eles as medallas e botar a merda aos nosos deportistas.

spider #12 20/Agosto/2008 spider
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns a estes dous atletas que deron todo e estiveron aí... Non todos poden dici-lo mesmo... Sonche uns campións!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete