Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTE VENRES, NA CORUÑA

Ecléctica Ensemble preséntase para dicir adeus

A formación presentou o seu álbum na FNAC, o resultado final dun proxecto multidisciplinar de oito anos.

Marcos S. Pérez - 11:40 13/09/2008

Para a maior parte dos grupos a publicación dun disco, aínda que sexa froito de anos de traballo, supón o inicio da aventura. Para Ecléctica Ensemble, o colectivo liderado por Ugia Pedreira, Ramon Pinheiro e Nacho Muñoz, as presentacións que están a realizar do seu disco (en xuño no CGAC compostelán, este venres na FNAC coruñesa) supoñen a fin do proxecto, o resultado final de case oito anos de traballo. Ensaios, improvisacións, actuacións en directo, colaboracións..., un traballo multidisciplinar e ecléctico plasmado nas seis cancións que compoñen o álbum, descargábel de balde na rede e distribuído ademais a través da Lonxa Cultural.

Arrole, O Suspiro, Maio, A Fia, O Menino ou Deixa-me, supoñen unha volta (ou varias) sobre a música tradicional. "Pero nós nunca tivemos a pretensión de renovar nada", explica Ramón Pinheiro, un dos dous grandes motores do grupo, xunto a Nacho Muñoz. O resultado é unha filosofía de traballo e un feixe de cancións. Haberá continuidade? "Esperamos comezar novos proxectos, e seguramente con esta filosofía, pero dificilmente será co nome de Ecléctica Ensemble", di Pinheiro. Para o músico e profesor, nos últimos anos a música galega gañou en calidade técnica, "pero estilisticamente estamos atados pola escaseza do mercado e a falta de saída para os profesionais e os produtos; hai moita xente con moito talento, pero que non ten posibilidade de facer cousas".


Deixa-me


O Suspiro


A fía

Oito anos de traballo
"Ecléctica Ensemble non foi unha banda, nin o é nin o será". Ecléctica Ensemble presentábase así en sociedade; nunca foi un grupo, e cando chegou a selo, en certa forma, todos os seus integrantes tiveron clara que a súa existencia sería efémera. As orixes estiveron no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Richard Rivera, Davide Salvado, Ramom Pinheiro e Ugia Pedreira comezaron a percorrer o país co Dillei de Carlos Blanco. Naquel traballo colectivo mesturábase a palabra, a música, o vídeo, o teatro e a danza.

En 2004 o grupo pechouse no estudio para comezar a experimentar, a investigar na música facendo música. Por alí pasaron unha ducia de músicos, que traballaron sobre os materiais iniciais, moitas veces a través de brillantes improvisacións. O resultado foi este álbum, que é moito máis que música, contando cun valioso traballo gráfico obra de Misha Bies Golas e Pancho Lapeña, e os textos de Martázul e Quico Cadaval.

Precisamente foi Martázul quen escribiu que "Sobre cadáveres medra nova semente. E assim deve ser".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: