Moncho Iglesias fala dende Belén da exposición Inside-Out, que se pode ver no Centro da Paz da cidade.
Inauguración da exposición
Palestina, fóra, é a parte externa dun muro que esconde terrorismo, miseria ou integrismo. Palestina, dentro, é a parte interna dun muro que agocha barreiras de formatos diversos, algunhas invisibles, outras eternas, outras internas, outras silentes, outras manifestas. O proxecto verbal e fotográfico Inside-Out tenta reflectir estas innumerables barreiras coa expresión verbal e visual dos que viven dentro.
Belén é unha cidade amurallada por unha serpe de formigón de nove metros de alto que a separa de Xerusalén. A división non só é física, senón tamén mental. Para os refuxiados do campamento de A’ida, o muro é a parede exterior das súas casas, para o resto de belenitas, unha saída pechada. Esa muralla, á que moitos temen achegarse, fai que crezan outro muros, invisibles, que se proxectan no día a día da poboación.
A idea de Inside-Out xurdiu de Inge Tiemann e Andrea Merli, dous profesores da Universidade de Belén, que tratan de amosar o interior deses muros, tentando facelos transparentes. O mesmo Andrea explica a dificultade de levar a cabo a idea, debido á rixidez e impenetrabilidade dos muros, que exclúen e provocan violencia e odio. “Pero, que veriamos se eses muros se volvesen transparentes?” Así naceu o proxecto, establecendo nexos de unión entre os sentimentos máis íntimos e a súa exposición cara o exterior; algo difícil para moitos palestinos porque, apunta Andrea: “a maioría da xente nova non está afeita a expresar as súas emocións dun xeito verbal e visual, sacando o de dentro cara afora (inside out).
En cada unha das fotografías da exhibición, o modelo enfróntase a un muro que só se fai visible grazas ao pequeno contacto físico que se establece coa transparencia. Os ademáns en procura da ansiada liberdade amosan a angustia, e as palabras verifican os xestos. A cada foto súmanse as liñas que a cadaquén lle inspira a situación de oclusión, verbalizando en galego, castelán, italiano ou árabe unha inxustiza claustrofóbica, multilingüística e multirracial.
A exposición, que agora mesmo está no Centro da Paz de Belén, e que logo marchará a Alemaña, invita a que o visitante participe da invisibilidade do seu muro e o proxecte. No centro da sala, o espectador ten a posibilidade de sentir a incapacidade de moverse máis alá, posto que o mesmo cristal que se usou para as sesións fotográficas está a disposición de quen queira sentirse rodeado, malia non ser máis que por un instante, dunha parede inamovible, inquebrantable, e que, en maior ou menor medida, a todos nos fai sombra.
O muro é unha limitación que restrinxe as vidas dos cisxordanos e que impide que se expresen con liberdade. Pero esta xente, explica Inge, “non quere estar calada; quere que se escoiten as súas voces; quere ser visible na sociedade, coas súas necesidades, desexos, percepcións e sentimentos.” Iso é Inside-Out, unha aposta pola valía dos sentimentos que dá a cara contra as barreiras impostas; permitindo, deste xeito, o contacto co límite: os soños.