A deputada nacionalista Olaia Fernández exixe a modificación desta clasificación porque todos os oficios están nomeados en masculino, agás azafata.
Avogados, sociólogos, fiscais, bibliotecarios, camareiros ou enxeñeiros. Na Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO) non se rexistran mulleres ou, polo menos, non consta máis traballo feminino ca o da azafata. A auxiliar de voo é a única ocupación recollida con terminoloxía feminina, se cadra pola dificultade de nomear ao seu homólogo masculino (algunhas voces falan xa de "azafato", se ben esta forma aínda non se recolle en ningún dicionario).
A deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández, reclamoulle ao goberno que modifique esta nomenclatura ao considerar que emprega unha linguaxe "claramente sexista" ademais de "contribuír a facer invisíbel a presenza das mulleres no emprego remunerado". Recorda que a Lei de Igualdade estabelece o obxectivo de implantar unha linguaxe non discriminatoria no ámbito administrativo, unha tarefa que, ao seu xuízo, aínda está pendente. Ademais, a deputada destaca que "non hai moito aínda se cuestionaban palabras como avogada, médica ou xuíza, termos que hoxe son empregados con frecuencia sen que parezan unha extravagancia".
Así, o BNG pregunta ao goberno se considera necesaria unha modificación e, en tal caso, insta a precisar o tempo no que se levará a cabo.