Ambicioso e ecléctico programa do Outono Fotográfico que, coordinado desde a Casa da Xuventude de Ourense, leva medio cento de exposicións a salas de todo o país.
Todo listo para que, desde a semana que vén e até o próximo mes de decembro, a fotografía sexa protagonista en ducias de salas de toda Galiza. O veterano proxecto Outono Fotográfico, nado na Casa da Xuventude de Ourense, segue concentrando a atención un ano máis na creación fotográfica, e xa van 26 edicións.
As pezas do concurso anual de fotógrafos da natureza, Wildlife Photographer of The Year, organizado pola BBC e o Museo de Historia de Londres desde hai máis de trinta anos, están entre as propostas estrela. O que pasa por ser o máis prestixioso certame mundial de fotografía da natureza levará unha peneira das mellores imaxes ao Centro Social Caixanova de Ourense. "Ollando a Lusofonía", é outra das propostas deste Outono Fotográfico, nesta ocasión para a sede do CEIDA, en Oleiros, pequenos anacos da paisaxe de varios países, coa participación de Vítor Nogueira con imaxes do Brasil; Antonio Campos, de Portugal; Xacobe Meléndrez, de Galiza; Xulio Villarino, con fotos de Cabo Verde; Mario Jaleco, de Angola e de Mozambique; Jorge Rosmaninho, de Guinea Bisssau; Ricardo Franca, de San Tomé e Príncipe e Katia Silva de Timor Leste.
"Diálogo industrial", reflexión crítica presentada como "denuncia para a vulgaridade e o manexo socioeconómico dos humanos", proxecto colectivo dos artistas Joaquín Balsa, Papu García, Luís López Martínez, Charlie Pujol, Alfonso Quiroga e Sol Sánchez. Poderá verse no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Algunhas outras mostras: "Ollando o café", instantáneas da vida de tres organizacións do Perú, Ghana e Indonesia que traballan a colleita do café como un elemento de desenvolvemento para as súas comunidades dentro dos parámetros do comercio xusto; "Contradictio in terminis", iniciativa de alumnos do segundo curso do ciclo superior de fotografía artística da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense ou "A perfect day", un 'día perfecto' que se presta a múltiples miradas, como diversos son os puntos de vista dos artistas
Serán nesta ocasión, até 35 exposicións individuais e 31 colectivas, alén de proxeccións, cursos e concursos, que abranguerán máis aló da cidade das Burgas, coordinando a participación de ducias de asociacións, museos e entidades diversas en todo o país en medio cento de localidades. Ademais de en Ourense, que concentra a maioría de exposición, o Outono Fotográfico estará en Lugo, Compostela, Lalín, Oleiros, Chantada ou Tui, entre outros. Unha iniciativa que segue así medrando e que cun cuarto de século de historia "xa é referente a nivel estatal", subliñou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, durante a presentación esta semana da 26ª edición.