O SLG aproveitou a comparecencia do conselleiro diante dos xornalistas para exixir cun peche a convocatoria da Mesa do Leite
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, anunciou este venres que comezaron a tramitarse 41 expedientes sancionadores por abandono de superficie agraria útil. Canal explicou que, nunha primeira fase, os donos das fincas teñen un prazo de tres meses dende que reciben o aviso para limpar a propiedade ou pasala ao Banco de Terras. Se fai caso omiso da comunicación, Medio Rural prosegue co trámite para impoñer unha multa.
Canal subliñou que “todos os propietarios teñen que ser conscientes de que o patrimonio rústico debe ser coidado e mantido en bo estado de conservación; que debe facilitar o seu uso produtivo para xerar riqueza, tanto para o agricultor que o cultive como para o propio propietario a través dunha renda; e que os predios en estado de abandono non poden constituír unha serie de riscos, como propagación de incendios ou focos de enfermidades ou pragas, para as propiedades circundantes”.
As sancións irán dende os 300 euros (nos casos máis leves) até os tres mil no caso das sancións máis graves.
O SLG leva as súas protestas até a consellaría
Cando aínda se estaba a celebrar a conferencia de prensa do conselleiro, dez membros do SLG irromperon no departamento para exixiren a convocatoria da Mesa do Leite. Os sindicalistas negáronse a abandonar as dependencias de Medio Rural até que foron recibidos polo xefe de gabinete, Xosé Manuel Puga.
Dende o SLG ameazaban con permanecer pechados nas dependencias se a consellaría non accedía a convocar a Mesa do Leite. Na xuntanza, a consellaría comprometeuse a ceder á petición sempre e cando fose de todas as organizacións (tamén Unións e Xóvenes Agricultores). O SLG exixiu que a consellaría fixera pública unha nota con este compromiso ou que do contrario farían unha acampada diante de San Caetano. Arredor das 17.30 horas, Medio Rural deu a coñecer a nota demandada.