"Calquera dos catro domingos", expuxo o presidente na Cadena Ser sen especificar data, ao tempo que defendeu que o Goberno achegou un cambio "sereno e profundo".
"Teño en mente o mes de marzo", desvelou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Preguntado se podería ser o día primeiro, matizou o presidente que "calquera dos catro domingos", malia que, así e todo, o mes de marzo incluirá cinco domingos: días 1, 8, 15, 22 e 29. Foi este venres durante unha entrevista na Cadena Ser. Ao fío, o presidente explicou que non as adiantara a outubro para "dotar Galiza dos instrumentos necesarios" para afrontar a crise económica.
Touriño tamén confirmou que aceptará un debate cos líderes de PPdeG e BNG, ou cando menos comprometeuse a mantelo nos micrófonos da mesma emisora. "Son amigo de debater", asegurou, "todo o mundo me aconsellaba que non o fixese nas pasadas eleccións e asumín un, que non era propio porque non se trataba dunha eleccións autonómicas, polo tanto non estaría mal nesta ocasión".
Por outra parte, Touriño definiu a experiencia de goberno de PSdeG e BNG desde 2005 como introdución dun "cambio sereno e silencioso, pero profundo", que na súa opinión afectou "aos dereitos clave da vida dun país". "Recibimos un país que camiñaba cara á especulación e a entrar na dinámica mediterránea na súa parte máis negativa e reorientámolo ao desenvolvemento sostíbel", defendeu o xefe do Executivo. Segundo subliñou, o labor do bipartito serviu para camiñar "dun país de subvención e de subsidios" a un "de emprendemento". "Herdamos un país no que se dividía e confrontaba e agora temos un que busca o acordo e o diálogo, pero, sobre todo, era un país resignado que agora cre en si mesmo, ten confianza nas súas posibilidades e no autogoberno", afirmou.