O cadro que dirixe Álvaro Pino corre na Vuelta a Castilla y León, onde coincidirá por primeira vez co gañador de sete Tours e un mundial.
Ezequiel Mosquera
O Xacobeo Galicia comeza este luns a Vuelta a Castilla y León, a proba de máis nivel de todas as que correu até o momento. Ezequiel Mosquera volverá liderar un cadro de ciclistas que loitará con corredores de tanto nivel como Lance Armstrong, Óscar Pereiro, Alberto Contador, Carlos Sastre, Denis Menchov ou Alejandro Valverde.
O esixente percorrido da carreira permitirá a Mosquera ir collendo forma de cara á saída do Giro d´Italia, o día 10 de maio. Así, o martes celébrase unha contrarreloxo individual de 28 quilómetros e mércores e xoves será a quenda da montaña, con cadansúa chegada en alto. Malia a fase inicial da tempada na que nos atopamos, a proximidade das primeiras carreiras importantes fai que nesta volta se agarde xa un bo nivel competitivo e, polo tanto, un interesante espectáculo deportivo.
Lea de capóns
Un dos atractivos desta carreira será a loita entre os dous líderes do equipo Astana: Alberto Contador e Lance Armstrong, que lean pola hexemonía dentro do equipo de Johan Bruyneel, e corren xuntos por primeira vez. Esta loita é só un indicador do alto nivel que terá unha carreira na que estarán os gañadores das 10 últimas edicións do Tour de Francia: Armstrong (gañador da carreira sete veces), Óscar Pereiro, Alberto Contador e Carlos Sastre.