Inda lembro a primeira vez que coñecín a Teresiña, na súa casa de Juan Flórez 79 (antigo 133), 2º esquerda na cidade da Coruña. Foi unha tarde de febreiro do 2006. Para min, daquelas un mozo universitario interesado na figura de Ramón Villar Ponte, era un encontro máxico pois estar perante a estirpe Villar Ponte e ser eu un fío dunha historia que se remonta á fundación das Irmandades da Fala atraveso da filla dun dos seus ideólogos é materia de moita fondura. Se cadra, unha sensación infantiloide pero sentino así.
A familia de Ramón Villar Ponte trasladárase á Coruña contra o 1942 dende Viveiro. Aquel casal sufrira a represión mais Ramón zafouse dunha morte segura grazas ao seu catolicismo e a súa amizade con dous membros de Falange Española da vila lucense. Marcharon para A Coruña, onde el atopou o abeiro da Academia Galega e dos seus membros máis comprometidos con Galiza. Emporiso, déronlle unha malleira uns falanxistas na Praza de Pontevedra pouco tempo antes de morrer. Ramón non quixo contarllo á familia e así llo pedira ao seu médico, Lois Tobío.
Morreu en 1953, nunha alcoba da casa de Juan Flórez. No décimo cabodano deste, quen morría era o seu fillo e pintor Xosé Ramón Villar Chao. A casa cubriuse de tristura e saudade deseñados nun lenzo inacabado do malogrado artista.
Teresiña, solteira, pasou a vivir soa mantendo no modesto piso o ar nacionalista, o espírito villarpontino en cada recanto convertido en museo familiar. Alí penduran os cadros de Ovidio Murguía, de Bagaría e do seu irmán. Na cociña ten un espléndido mural da man de Xosé Ramón que lle custou unha boa reprimenda do seu pai. Pero alí segue, a pintura dun Villar Ponte. Na sala agudizábase o sentimento con que Teresiña gardaba a memoria do seu tío Antón e, ante todo, do seu pai: fotos, escritos, retrincos da prensa…
Eu sentaba naquela ‘mesa-camilla’ embrullado na Historia, escoitando a Teresiña, repoluda ela con aqueles anteollos risquiás, falar da súa infancia (ten unha lembranza da primeira comuñón debuxado por Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo), das finas lembranzas da República e da guerra, da marcha á Coruña, do seu traballo como funcionaria… Lembro como se queixaba con acedume cando reivindicou na posditadura a restitución da rúa ao seu tío Antón e que o señor Paco Vázquez denegoulle mantendo arestora a de Teniente Coronel Teijeiro. Mais cando dicía isto lembraba ao seu tío Antón cuberto dunha bandeira galega xogando con ela por un corredor da casa familiar de Viveiro polo verán.
En Juan Flórez, onde eu falaba con Teresiña, pasaran os mellores dos ‘bos e xenerosos’ que viviran en Galiza trala guerra: Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Gonzalo López Abente, Sebastián Martínez-Risco, Abraira…
Cada vez que visitaba a arquiveira villarpontina, fiel guerrilleira da memoria do seu pai, sacaba unha lembranza: unha cunca de barro chea de chocolates coa que Castelao a agasallara (inda lembraba a Castelao cando este pasara uns días na casa de Ramón en Viveiro), un debuxo de Cebreiro ou algunha notiña dalgún galeguista histórico. Mais se algo me abraiou era aquela colcha coa que tapaba as pernas que levaba un debuxo a man coa sinatura de Castelao, inédito, cosido co tempo pola súa nai ou a súa tía para non perder os trazos do rianxeiro. Eu alí, ante ela, na casa onde morrera Ramón Villar Ponte.
Teresiña era unha velliña que enfeitizaba, que non tiña reparos en te convidar a xantar ou dedicar un día enteiro a falar da súa familia. Unha velliña que teimaba en manter vivo o legado dos Villar Ponte. Na cabeceira da súa cama hai un retrato de Ramón que lle fixo Xosé Ramón. Todo era memoria, todo era honrar á súa familia, sentirse xunto a eles, nunha casa que lle quixeron arrebatar nestes últimos anos.
Teresiña fachendeaba de ser unha arquiveira desleixada porque así era o seu pai. E coma seu pai, era nacionalista. Abofé. Apenas falaran de política polo medo da ditadura. Mais Teresiña sabía quen era o seu pai e o valor que este tiña na nosa loita pola dignificación da lingua galega e da nación.
Morreu. Morreu Teresiña aos 85 anos. Ela quixo difundir a lembranza do seu pai e pode despedirse sabendo que así o fixo. Lembraremos os que a coñecemos que esa era a súa vontade: recoñecer aos Villar Ponte e principalmente a Ramón. Legou un fondo coidado de enorme valía que ela foi coidando e recollendo nos anos. Eis a súa herdanza ao pobo galego que sobrevivirá sempre. Digo, sempre.
Para mostra dese fervor e devoción polo pai déixovos a primeira pregunta que lle fixen dunha entrevista non publicada:
- Como definiría ao seu pai, como persoa.
- Fabuloso, o mellor do mundo, e choro toda cando falo del... Era extraordinario, como persoa e eu creo que como todo.
O meu máis sentido pésame para toda a Galiza. Con Teresiña morre unha anaco da nosa historia...
Gardarei como un terouro esa figura de Sargadelos que me regalou polo simple feito de recoñecer a figura do seu pai e nunca esquecerei o xesto da súa cara cando falaba dos seus, dos Vilar Ponte.
Os Villar Ponte forom umha das pedras fundacionais do galeguismo actual. Deixárom-nos, mais a súa lembrança perdurará com nós para sempre. Úno-me ao pésame da perda dos que sacrificarom a súa vida para dignificar a dos demais.
Engádovos aquí o artigo da García Negro publicado en La Voz :
FÓISENOS UNHA AMIGA
María Pilar García Negro
----------------------------
Fóisenos a nosa amiga, a benquerida e admirada Teresa Vilar Chao, con quen nos uniu unha amizade e camaradaxe incondicional desque a coñecemos, hai xa ben anos. Ela conservou amorosa e fielmente o legado do seu pai, Ramón Vilar Ponte (1890-1953), como filla devota e como patriota galega que tan ben deitou da doutrina e máis do exemplo de tan entregado e ilustre mestre do nacionalismo galego. Grazas a ela pudemos editar inéditos relativos á lingua galega ou a Pastor Díaz e coñecermos o inxente e excelente dunha obra filosófico-política incribelmente silenciada ou postergada. Teresa, a única descendente dunha familia falecida prematuramente, puido ver editado o primeiro volume da obra completa de Ramón, que agora continuaremos, e reflectir lembranzas significativas na entrevista que le dedicou a revista Terra e Tempo recentemente. Exemplo de coraxe, de xenerosidade, de hospitalidade e de afecto verdadeiro, terémoste sempre no noso corazón e no noso ánimo. As nosas condolencias máis apesaradas á súa curmá Amparao e a toda a súa familia o noso cariño.
Umha das melhores homenagens que podemos render à família Vilar Ponte é nom incorrermos na espanholizaçom forçada do seu apelido.
Nem «Villar Ponte» nem «Villar Puente»... nem «Villar Chao» nem «Villar Llano». VILAR PONTE e VILAR CHÃO.
Interessante artigo do Ernesto Vasques Sousa sobre a morte de Ramom Vilar Ponte:
http://www.agal-gz.org/modules...
Naceu en Vigo en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega e prepara a tese sobre a figura de Ramón Villar Ponte.