Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Política empresarial. Unha visión lingüística

16:20 23/09/2008

O Club Financiero de Vigo acaba de publicar un caderno titulado Política lingüística. Unha visión empresarial. Despois de o lermos, consideramos que as teses que defende quen o escribiu son, efectivamente, produto dunha “visión”, isto é, “deixouse levar excesivamente pola imaxinación até o punto de equivocarse ou crer ver o que non existe”. Procuraremos, con este artigo, facer unha achega desde a lingüística sobre a política empresarial a respecto do galego baseándonos en datos e estudos que calquera pode consultar.

IMPOSICIÓN? Comecemos pola idea tan repetida de que o galego se está a “impoñer” por determinadas institucións e leis. As leis son promovidas polo goberno da Xunta e aprobadas polo Parlamento galego, que todas e todos os galegos eliximos nas urnas. Son, pois, resultado dos consensos de institucións elixidas polos cidadáns. Están vostedes en contra de que así se faga? Canto á lei sobre a toponimia, xa foi referendada polo Tribunal Constitucional. Só é válida a Constitución cando impón o “deber” de coñecer o español? Sería aconsellable que consultasen tamén a lexislación europea e internacional en materia lingüística: da UNESCO, da Unión Europea, do Consello de Europa… ratificada e asinada polo Estado Español, como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que en relación ao sector económico afirma que os asinantes deben “oporse ás prácticas encamiñadas a desalentar o emprego de linguas rexionais ou minoritarias no marco das actividades económicas ou sociais” (Artigo 13, 1.c).

MÁIS DATOS. Consulten os datos do Censo publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística). O galego é a lingua maioritariamente usada polas galegas e galegos. Temos os mesmos dereitos que a minoría de poboación que fala castelán? Cantos xornais podemos ler en galego? Cantas películas (consulten a carteleira)? Cantas hipotecas están redactadas en galego? Cantos xogos teñen os nosos nenos e nenas en galego? Un dato que se pode constatar cada domingo a modo de exemplo: páxina 4 edición da Coruña de La Voz de Galicia (23-3-2008): 207 misas en castelán / 8 en galego. É dicir, a visibilidade social do galego é moito menor que o número de galego-falantes.

DATOS DO ENSINO. Para falaren do ensino, previamente deberían documentarse: non existen as materias de Ximnasia (Educación Física) e Manualidades (refírense a Debuxo, Artes plásticas, Tecnoloxías...?); o de consideralas (xunto con Música) materias “menores” coméntase por si mesmo. Afirma o Club Financiero que até agora no ensino “existía un razoable equilibrio entre ámbalas dúas linguas”. Todos os estudos realizados indican o contrario. Segundo datos facilitados á Xunta polos Equipos directivos dos centros privados, o profesorado de Educación Infantil utilizaba só ou máis castelán nun 86´7% dos casos; na Universidade da Coruña unicamente o 10% dos profesores empregan o galego nas aulas no curso 2007-08. Era ese o “razoable equilibrio”? Tal vez o mesmo dos seus cadernos: 11 en castelán – 1 en galego/castelán (curioso que só utilicen o galego naquel que serve para atacalo).

PLURILINGÜES. Ao contrario do que vostedes pensan (e practican), os cidadáns que usamos o galego con normalidade non queremos “erixir ningún muro”. Aprender en galego non limita a ninguén para aprender outras linguas. A opción que defenden vostedes “serán os pais os que decidan en cal das dúas linguas oficiais deben ser educados os seus fillos, impartíndose a outra materia como lingua obrigatoria” xa foi aplicada en Euskadi. Resultado? Os nenos que aprenden en castelán non chegan a dominar o éuscaro. É máis, o profesor Ignasi Vila, catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, vén de analizar os resultados sobre coñecemento de castelán no alumnado de Aragón e Asturias. Os que asisten a clases de catalán (Aragón) e bable (Asturias) teñen mellor dominio do castelán que os que non asisten. As galegas e galegos somos uns privilexiados no conxunto da Península, pois os nosos nenos e nenas son os únicos que, grazas ao galego, poden dominar facilmente o portugués e, por tanto, como demanda a Unión Europea, seren cidadáns que dominan 2 idiomas da Unión case desde o seu nacemento. Isto debería favorecelo un Club que sinala entre os seus obxectivos apoiar “proxectos que afecten á actividade económica en Galicia e o norte de Portugal”. E para argumentar empiricamente a perfecta saúde e dominio do castelán do noso estudantado galego, deberiamos atender e difundir coa obxectividade que os estudos científicos outorgan os recentes resultados aos que se chegou na Universidade de Santiago de Compostela, publicados este mesmo ano no manuel Avaliación da calidade e innovación dos centros educativos, que conclúen textualmente o seguinte: “En canto aos resultados do termo medio dos escolares de Lingua Castelá e Literatura respecto aos do conxunto das Comunidades Autónomas de España son prevalentes (…) Destacan os escolares Galegos na comprensión lectora (…) e sobresae o alumnado de Galicia na Sintaxe e na Morfoloxía”. Onde está a suposta culpabilidade da lingua galega para anular a capacidade de aprender máis aló de si propia?

LINGUAS E PROGRESO. Non é certa a relación que estabelecen entre número de falantes e progreso económico. O español é lingua oficial en moitos países de América que son (por desgraza) moi pobres: Ecuador, Paraguai, Bolivia…; pola contra, países que segundo vostedes teñen linguas “minoritarias” son ben prósperos: Dinamarca (danés) e Finlandia (finés). Sirva como exemplo paradigmático o caso de Bélxica; a zona máis puxante economicamente é a zona flamenga (de fala neerlandesa) fronte ao “atraso” da zona valona (de fala francesa).

POLÍTICA EMPRESARIAL. Imaxinamos que estarán a favor de que os galegos e as galegas aprendan máis, e máis é, tamén, usaren e aprenderen o galego. Por iso, grandes empresas saben que unha correcta visión empresarial ten en conta a todos os posibles clientes e ofrecen máis; por exemplo, a compañía de seguros Mapfre. A citada compañía ofrece aos seus clientes a posiblidade de faceren o seu seguro na lingua que desexen das oficiais no Estado Español. Ter visión de futuro é sinxelo, barato, rendible e demostra sensibilidade con todas e todos os clientes. Unha sensibilidade e unha visión empresarial da que carece o seu Caderno.

4,75/5 (52 votos)


Comentarios (18)

Galizoo #1 23/Setembro/2008 Galizoo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Impecable artigo. Os datos son ben coñecidos por tod@s, mais o autoodio segue a impedir a normalización definitiva da nosa língua.

elrr #2 23/Setembro/2008 elrr
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Claro e perfectamente argumentadao. Chapeu, Anxo.

escritoalume #3 23/Setembro/2008 escritoalume
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

sem comentarios, optimo

pedrochosco #4 23/Setembro/2008 pedrochosco
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Simplemente xenial¡¡¡¡

condedelrio #5 23/Setembro/2008 condedelrio
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Impecable, si señor.

toivonen1978 #6 23/Setembro/2008 toivonen1978
[Valora este comentario Positivo +6 Negativo]

Eu son nado no 78. Polo tanto, fillo da E.X.B. Nacín no seo dunha familia galegofalante e a mín ninguén me preguntou pola lingua en que quería recibir a miña educación. Así, por riba, coido que sólo lingua galega (mal ensinada, como apreciaredes), Sociais e Naturais tiñan libro en galego. Aínda así, normalmente, se impartían en castelán.

No BUP, o panorama, peor se cabe, sólo lingua e literatura galegas en galego (e grazas)

Na USC, facultade de dereito, 27 asignaturas, 26 en galego.

¿Mellorou o panorama? Espero que sí mellorara un pouco pero, que non me veña a mín o persoal co rollo ese da imposición da lingua que mexo coa risa.

O triste é atoparse cun licenciado na principal universidade galega, que estudou toda a vida en colexios públicos da Galiza e que ten que buscarse a vida por ahí adiante para aprender o galego que lle privaron na escola.

Perdón polas fallas pero é o que hai. Escribo en galego por carraxe máis que por que realmente me defenda ben en el.

toivonen1978 #7 23/Setembro/2008 toivonen1978
[Valora este comentario Positivo +6 Negativo]

Erro no 6, Quixen dicir 27 asignaturas 26 en castelán.

ecoe #8 23/Setembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

http://www.farodevigo.es/secci...

Onte Ferrín abondou tamén no asunto.

pucelano #9 23/Setembro/2008 pucelano
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

impecable. os meus parabéns anxo

Hispanico #10 23/Setembro/2008 Hispanico
[Valora este comentario Positivo +6 Negativo]

E que a mentalidade "economicista" que, infelizmente, tanto rege no nosso mundo de hoje, é o melhor argumento em favor do reintegracionismo. Se todos aqueles que se oponhem ao galego, por ser de pouca utilidade prática e até contraprodutivo, vissem que a nossa língua "serve" e abre mercados e é "produtiva" quando inserida no contexto da lusofonia, entom pensariam duas vezes antes de desprezar o galego.
Ora, nom compare o caso dos paises europeus como a Finlandia, a Bélgica ou a Dinamarca com o caso da Galiza. Esses países podem ter como lingua nacional uma lingua minoritária, mas nom tenhem como co-oficial uma lingua imposta e internacional, como o castelhano na Galiza, que ademais é a privilegiada. O francés na Bélgica corresponde a uma comunidade separada da flamenga, nom se pode comparar com o castelám na Galiza, que é conhecido por e imposto a todos os galegos.
Ademais estes paises tenhem uma economia moito mais forte do que a galega, que está supeditada a poderes e interesses exteriores. Se esperam que uma língua como o galego (quero dizer o oficial, separado do português) vá colher a primacia sobre o espanhol na Galiza, já podem pregar ao ceu ...
E o caso flamengo é o mais flagrante em favor do reintegracionismo: integrouse no holandés, quando puido ter escolhido a opçom isolacionista. Mas eles sabiam que "económicamente" era melhor a reintegraçom, dado o poderio economico e mesmo cultural dos Paises Baixos.

prometeo #11 24/Setembro/2008 prometeo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Excelente artigo.

suso1 #12 24/Setembro/2008 suso1
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Máis sobre o tema:

http://eltoupoquefuza.blogspot...

Tino #13 24/Setembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Non nos esquezamos da parte fonética:

-O galego goza da nasalización e as vogais abertas e pechadas, ao contrario do español, o q provoca o esperpento cando oímos españois intentando falar inglés, francés, portugués... É un idioma eivado foneticamente.
Por desgraza, nalgúns dos nosos nenos, incluso galego falantes, xa se está a perder esa capacidade de nasalización, téndose escoitado "unome" en lugar de "un home" coa nasalización q debe levar entre o N e a vogal seguinte.
Isto repítese moitísimo nos medios de comunicación, incluso na Radio e Televisión de Galiza.
Por non falar das novas tendencias en ler o D final de palabra en auténtico madrileño: Daviz, Madriz, Penabaz, Ciz... q hai quen o usa cun toque chique!

-Por outra banda, está demostrado q o galego está moito máis próximo a idiomas q nos interesan como o inglés e o francés:
"vir de volta" é "to come back"
"cocharse" é "se coucher"
"u-lo, u-la, etc" tamén se utiliza en francés
En galego e francés coinciden o xénero das palabras: sal, leite, etc.
E así, miles de exemplos, palabras, e xiros en numerosos idiomas incluídos o itialiano e desde logo o portugués.

BocaNegra #14 25/Setembro/2008 BocaNegra
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Que significado ten "idioma oficial" unha vez establecido que na educación secundaria obrigatoria ciencias naturais y sociais, xeografía, historia e matemáticas impartiranse noutra lingua distinta e que no bachirelato o alumnado recibirá al menos un 50% da súa docencia en esa outra lingua? O decreto 124/2007 reduce aos idiomas galego e castelán a semioficiais e a igualdade plena en Galicia está a propiciarse pola obtención no ensino obrigatorio da mesma incompetencia en ambas as dúas linguas.

carrocetas #15 25/Setembro/2008 carrocetas
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Dacordo estou!

LANS #16 26/Setembro/2008 LANS
[Valora este comentario Positivo -4 Negativo]

Onde están o javioteiro e o mischa ou como sexa refutando estes argumentos con os seus argumentos? Ou só lles vale encher a boca coa súa constitución franquista e a súa falsa liberdade individual ao modo da COPE?.

Maeloc-do-Rouco #17 27/Setembro/2008 Maeloc-do-Rouco
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

O pior de tudo e que estes do CFV nom tenhem a mais minima vergonha em ceivar mintiras IMPUNEMENTE e tudo o que for possivel para fazer publicidade de si proprios e da sua triste causa...No entanto nom exista umha opiniom publica galega auto-centrada, com os pes chantados na nossa realidade nacional (linguistica-politica-antropologica-economica-relaçons exteriores) e a nossa DIGNIDADE, teremos que aturar estas expressons de auto-odio e outras piores que ham vir...E bo jogar ao posibilismo, mais sempre que tenhamos expectativas alem desse posibilismo, senom converte-se num inmobilismo mal disimulado...O que mente nom tem credibilidade nem como empresario nem como pessoa, mais ainda cando mente des a auto-xenreira e o despreço cara o legado cultural-historico e antroplogico do proprio pais (que claramente deseja ver extinto)...Obrigado Angelo polo artigo, moito bom e necesario

arzaya #18 22/Outubro/2008 arzaya
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Se ese é o análise do Club Financeiro nese tema..cal non será noutras materias? Supoño que se lles esqueceu promover o coñecemento do portugués nas escolas, dado o volume de intercambio comercial de Galiza...esqueceron tamén desaconsellar o ensino en inglés, xa do que ameaza ao futuro do español de Puerto Rico

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anxo Gómez

Nado na Coruña en 1969, é profesor de Secundaria no CIP de Carral.