Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Seoane e Gayoso

19:15 19/11/2008

Neste novembro de melancolía cúmprense sesenta anos do asesinato de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane pola ditadura franquista. Foi no ano 48 na Coruña cando o Xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia e o Secretario do Partido Comunista caeron nas poutas da policía da ditadura. O seu crime fora manter viva a loita contra a ditadura, loita real e durísima, loita de ideas e soños que agromaran na primavera republicana da Fronte Popular. Foron condeados a morte tras seren torturados. Algo apresa a nosa consciencia cando lemos as cartas que nos chegaron deles nesas datas: a súa veracidade e o fondal do seu compromiso (un libro editado en Edicións do Castro, sempre o bo e xeneroso do Isaac ) recolle esas testemuñas. Érgueos á condición dos indispensables de Brecha.

Unha exposición no Forum Metropolitano da Coruña; unha mostra fotográfica que se pode ver até o 30 de novembro na Casa - Museo Casares Quiroga, a que nos pasea a ollada de Manolo Rivas na súa obra Os libros arden mal; unha conferencia na que participou o fillo de Seoane e a proxección do documental, Outro crime de Franco, realizado na nosa amada Cuba, no mesmiño ano 48, xunto cunha homenaxe no cemiterio civil onde repousan os seus restos, tentan devolverlle á nosa cidadanía a memoria de dous dos seus fillos máis egrexios. Condición gañada pola súa aposta na sorte polo seu pobo, polos fillos dos labregos, dos mariñeiros, dos obreiros, que tentaran na alborada dos trinta erguerse como pobo libre.

A súa morte non deixa de restar na memoria do noso pobo aínda en precario, como a de tantos outros que restan afastados do coñecemento da xente, no anonimato das fosas comúns, a memoria dolorida das amizades ou no coidado dos investigadores. Mais separados pola ignorancia dolosa dunhas institucións que aínda non son quen de proclamar o carácter necesario e urxente da mediciña que é a cultura do antifascismo, a que fixo imposible que trala derrota do nazifascismo quedaran en Europa símbolos nos espazos públicos do horror fascista e que fundou un culto laico aos resistentes. Cultura antifascista que é o reverso cultural dos avances sociais e económicos do benestar da postguerra.

Após máis de tres decenios da morte do ditador os tempos son chegados para cumprir o mandato da lei 52/2007 pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas a prol dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra e a ditadura. Paso adiante aínda que insuficiente. Sen ánimo de exhaustividade hai que considerar a posible derrogación da lei de amnistía do 77; tomar as medidas lexislativas necesarias para garantir o recoñecemento da imprescriptibilidade dos crimes contra a humanidade; prever a creación dunha comisión de expertos que restabeleza a verdade histórica sobre violacións de dereitos humanos durante a guerra e a ditadura; e permitir que as familias identifiquen e exhumen os corpos das vítimas e no seu caso as indemnizacións pertinentes: tales son os acordos da Comisión de Dereitos Humanos da ONU na súa xunta de 30 de outubro última.

A Declaración do Grove, xurdida das xornadas celebradas a finais de outubro nesa vila , demanda as seguintes accións: o recoñecemento e disculpas do Estado pola infamia do réxime nado da guerra; a creación dun rexistro de desaparecidos; a creación dunha Comisión Intergubernamental de Búsqueda; a creación dun Banco de Dados Xenéticos; a esixencia para a Fiscalía Xeral do Estado de instar a nulidade das sentenzas xudiciais do franquismo; a necesidade de reparar o dano feito co bálsamo do coñecemento e do recoñecemento; e a creación dunha Comisión da Verdade de carácter independente.

Os miles de Seoanes e Gayosos que habitan a dor da memoria esquecida nolo demandan. Recoñecelos é devolvermos como sociedade a dignidade que perdemos na longa noite de pedra.

4,58/5 (31 votos)


Comentarios (16)

AGIL #1 20/Novembro/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Atualizem o currículo de Yolanda. Por favor.

Nunogz #2 20/Novembro/2008 Nunogz
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

o que se passa no estado espanhol é incrível, que os assasinos do nosso povo nom foram nunca julgados, que os seus nomes estém nas nossas ruas, os seus simbolos sejam monumentos (algo imposível em alemanha por exemplo),...será porque estám os mesmos no poder e nada mudou???
A melhor homenagem a Galhoso e Seoane e seguir com a sua luita.
Pois isso, a luita continua!!

Xabi1 #3 20/Novembro/2008 Xabi1
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Triste historia, Iolanda.
Como sei que nunca vas lembrar nen citar esta outra historia, envi-che un recordatorio: Andreu Non foi asasinado pola policia controlada polo PCE e por axentes soviéticos.
Nin era un revolucionario, un antifascista. Algún día saberemos a razón de que fora secuestrado, torturado, asasinado e "desaparecido"?
Algún día ides remexer entre os vosos papeis, a ver se aparece algo que despexe a situación?
Memoria histórica, sí, mais para todos. Tamén para as vítimas do estalinismo, Iolanda.

onofresabate #4 20/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Xabi1, non agardes o que pides, é imposible. Nunca o fixeron. E agora os comunistas están ocupados en mercar bancos americanos (o PC chinés), ou en facerse con petroleiras dirixidos por un ex-KGB (o Putin).

Iolanda, non é xusto que queiras personificar en Gayoso e Seoane a loita dos do monte. A época de Stalin xa pasou. Se queres falar da represión faino, pero cámbialle o título ao teu artigo. Sei que Gayoso e Seoane foron unhas das víctimas, pero só foron "unhas" entre moitas. Eses heroes non son para estes tempos.

xacataca #5 20/Novembro/2008 xacataca
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

O historial de Gayoso é tan espectacular que de rematar a Guerra Civil doutro xeito, a súa figura sería mesmo máis recoñecida e admirada cá do Che Guevara. Adiante o socialismo en Galiza e no mundo!

onofresabate #6 20/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo -3 Negativo]

Xocataca, ¿que socialismo? ¿cal escollemos no supermercado das ideoloxías? ¿Ou só hai un? ¿O de Touciño? Supoño que non. ¿Cal? ¿Ou aínda está por inventar?
E xa que estamos con Gayoso, ¿escollemos o da Federación Guerrilleira de Galicia e León, ou o do Exército Guerrilleiro?
Supoño que saberás cal escolleu o teu heroe.

Lead_bocas #7 20/Novembro/2008 Lead_bocas
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Abúrreme cando á xente se lle enche a boca descalificando aos demais por ser "estalinistas" (por exemplo) sen aportar ningún argumento sobre o que se trata.

Vese que entre os que practican este deporte tan á moda hai poucas persoas libertarias. Ogallá ouvera máis.

É grazas a Seoane, Gayoso e outros moitos obreiros anarquistas e comunistas que hoxe enchen o bandullo as xentes desta terra. Non hai máis que rascar debaixo da propaganda do galeguismo institucional para atopar os verdadeiros mártires de Galicia.

onofresabate #8 21/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Lead_bocas, é precisamente por un sentir libertario polo que eu digo o que digo. Non agardes que Iolanda fale dos anarquistas, non, para falar do que fala titula o seu artigo co nome de dous comunistas (aos que respecto pero sobre os que se pode debater, ¿ou non?) Crear heroes non é moi libertario que digamos. E poñer no paraugas do comunismo a todos os que loitaron contra a dictadura pode ter moitos calificativos, pero nunca o de respectuoso. Se queres seguir argumentando seguimos.

¿Ti sabes cal é a diferenza entre a Federación de Guerrillas e o Exército Guerrilleiro? Pois se o sabes adiante, a argumentar. E se non o souberes, adiante tamén, é fácil. Se queres pódoche enviar bibliografía.

Un saúdo


Ono Fresa Bate

Lead_bocas #9 21/Novembro/2008 Lead_bocas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ono, andas sobrado...

Eu son un bocas da aldea e paso de disquisicións biblio-ágrafas.

saúde

onofresabate #10 21/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Entendido, Lead_bocas. Ti mesmo.


Ono Fresa Bate

onofresabate #11 21/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Para os que non teñen medo a informarse eu lin un libro que me pareceu moi interesante. É de Sebastián Serrano, e titúlase "La Guerrilla antifranquista en León (1936 - 1951)". Ten moito que ver co artigo de Iolanda Díaz. Pero, evidentemente, sen heroes.

Lead_bocas #12 21/Novembro/2008 Lead_bocas
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

O Serrano é un clásico.
Mais tampouco sae ningunha referencia ao Xefe de Facenda de Pontevedra, nin tampouco destes "hero(d)es":

---

Solidaridad Obrera (da Regional Galaica) con data 25 de marzo de 1.933

Lo que los trabajadores de Galicia no deben olvidar
Por la prensa burguesa, esta vil meretriz que al mejor postor se vende y con el más chulo de los hombres se acuesta, todos los parias de Galicia; todos los parias de España; los parias del mundo todo, nos hemos enterado del impunismo gubernamental, dando por bien hecho, 210 estómagos agradecidos, 210 hombres-vientres, el crimen de Casas Viejas.

Entre estos 210 bultos, carne con ojos, tipos que han perdido, si alguna vez la han poseído, la fíbra sensible que todo ser racional debe portar en su pecho, se hallan cinco diputados gallegos, cinco tipos que andan por ahí cantando las [i]excelencias[i] del Estatuto de Galicia y echando pestes contra el poder central, Poder que tiene a España en un puño y que día a día trunca en flor docenas de vidas obreras y que hoy con su voto han apoyado.

¡Trabajadores de Galicia; obreros del mar, del campo y de la ciudad, retened en vuestra imaginación para darle su merecido cuando el momento para ello llegue, los nombres de estos cinco judas gallegos que votaron en el "charlamento" español el bárbaro, el sin nombre en las páginas de nuestra historia, crimen de CASAS VIEJAS!

Otero Pedrayo, González López, Villar Ponte, Suárez Picallo y Rodríquez Castelao

Cuando estos cinco verdugos del pueblo se asomen a vuestras puertas, trabajadores gallegos, a pediros el voto o a hablaros de autonomía, lanzádle al rostro,acompañado del escupitajo del desprecio, que es lo que se merecen por su infame conducta, este grito de venganza santa y noble ¡¡CASAS VIEJAS!!

onofresabate #13 21/Novembro/2008 onofresabate
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¡Contras! Lead_bocas, non fala de quen ti dis, porque Pontevedra non é León, nin o era daquela. Pero si, como dixen, ten que ver co artigo de Iolanda Díaz.

Tarelo #14 22/Novembro/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cada un que traballe o que queira e o exprese donde queira, pero digo eu, mentres Yolanda actualiza os seus contidos en Vieiros.com, quen actualiza a web de Esquerda Desunida? ¿que opinan ao respecto @s militantes que ela Descoordina? ¿e para @s que ela destraballa?

Tarelo #15 22/Novembro/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

En Esquerda Unida importa ben pouco o que pensan @s militantes de base. Mentres @s delegad@s e cargos públicos e políticos perden o tempo pelexandose por quen ocupará a cadeira que deixa Gaspar Llamazares, como única solución a todolos males que padece a organización, o partido desfaise, porque se segue a apostar polo mesmo modelo xerarquico, só pensar os, e nos, de arriba, de arriba para abaixo, e nunca ao revés. Esquerda Unida só levantaría cabeza se dunha vez por todas, Yolandas, Nuets, Gaspares, Frutos, Cayos, etc., calaran e ....... FALARAN AS BASES, que son en realidade EU-IU ou IU.

elrr #16 23/Novembro/2008 elrr
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ai, Tarelo, ¿pero en que partido falan as bases? ¿Existe algún no que teñan en conta as bases?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán .



Máis opinións