Os problemas con Deporte, as posíbeis vinculacións políticas e a excesiva atención prestada a un só palista, en detrimento dos seus compañeiros poñen en dúbida a xestión da federación galega e mesmo da española.
Xa hai tempo que se fala do que se deu en chamar "divorcio" de David Cal e o seu adestrador, Xesús Morlán, con Deporte e coa Xunta de Galicia. Fálase de desencontros co director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD), Telmo Silva; de falta de apoio por parte da Consellaría de Cultura e Deporte e da conselleira Ánxela Bugallo; de xeito concreto, o adestrador do palista queixouse da redución da bolsa de Cal e de que a el non lle pagasen nada: "chegamos a un acordo co anterior goberno da Xunta polo cal David conseguiría unha subvención de 18 mil euros e eu de 12 mil, pero a realidade é que co cambio político David só recibiu 11 mil e eu nada". De xeito paralelo á polémica, abrollan tamén factores políticos pouco coñecidos e relacionados coas filiacións políticas.
As posíbeis causas (I): "numerosos problemas" coa dirección do CGTD e coa Xunta
Na tarde da terza feira o adestrador de Cal, Xesús Morlán compareceu na sede de Turismo Rías Baixas, o patrocinador do palista, para aclarar o por que da súa marcha -está adestrando en Pontevedra, nas instalacións do Club Naval-, e da súa ruptura coa Xunta.
Cal non vai adestrar no CGTD nin na nova pista deportiva de Pontillón do Castro (Xeve-Verducido, Pontevedra), porque, segundo dixo Morlán, puxéronlles moitas "trabas" para realizar os adestramentos día a día, ou para usar o ximnasio, a sauna ou os hangares. Mesmo, segundo Morlán, chegaron a atopar as instalacións pechadas sen teren sido avisados.
Daquela -mes de xuño pasado-, o preparador decidiu marchar a Asturias, a adestrar no encoro de Trasona de cara ao Europeo e ao Mundial, e na súa comparecencia negou que esta decisión estivese relacionada co seu sistema de adestramentos habitual, como dixera naquela altura a Dirección Xeral para o Deporte. Para demostralo Morlán botou man dun documento de actividade, datado no 1 de decembro de 2006, no que se especificaba que o equipo estatal de canoa ía permanecer en Pontevedra concentrado todo ese tempo. El mentras, marchaba con Cal.
Outra das cousas que Morlán apuntou para faceren agora patentes esas desavinzas con Deporte foi a redución da bolsa de David Cal por parte da Xunta -dos 18 mil euros que, segundo eles, lles prometera a anterior conselleira, Pilar Rojo, aos 11 mil que lles deu Ánxela Bugallo-, e a non inclusión de Cal na listaxe de deportistas galegos de alto nivel, -publicada polo DOG do 10 de maio-, á que se refería ao tempo que admitía non ter solicitado entrar na convocatoria, xa que "nin David nin eu lemos o Diario Oficial de Galicia".
As posíbeis causas (II): as responsabilidades de Sanmamed
Hai xa tempo que os palistas galegos se veñen queixando dos postos de mando da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), mais sobre todo do seu presidente, o galego Santiago Sanmamed.
Vieiros falaba o pasado mes de agosto co canoísta meco Alfredo Bea, veterano palista internacional, que viña de remar no Campionato do Mundo de Duisburg (Alemaña), co seu compañeiro, David Mascato. No campionato a selección española non conseguiu nin un só dos obxectivos que tiña marcado. Só David Cal conseguiu praza olímpica; os demais non quedaron en moi boas posicións.
Bea aseguroulle naquela altura a Vieiros que despois dos Xogos Olímpicos de Atenas a dirección técnica da Federación Española de Piragüismo colleuna o propio presidente, Sanmamed, "sen ter unha titulación nin estar preparado. Adestraba quen el quería e como el quería... e errou en todo. El é o único culpábel destes pésimos resultados, e sei do que falo".
Bea e Mascato estiveron todo o ano a adestrar sós, a pesares de que lles ían mandar, segundo dixera a federación, un adestrador persoal, que se pagaba cos cartos das súas bolsas de deportistas. O adestrador nunca apareceu. O palista grovense dixo sentirse daquela e mesmo agora "só e abandonado", en detrimento "dun só palista" que si recibe toda a atención da federación. Os do pasado Mundial foron os peores resultados da selección de todos os tempos, e segundo el o único culpábel é Sanmamed e maila súa xestión.
En relación ás queixas de moitos palistas galegos, que viron reducidas as súas bolsas, Bea considera que parte da culpa foi da Federación Galega de Piragüismo, -que preside Modesto Tito Teixeiro Valledor-, xa que non conseguiu informar aos palistas a tempo para que entregasen toda a documentación para participar na selección de bolseiros. "Nós somos deportistas. O traballo administrativo deberan levalo dende a Federación", salientou Bea.
As "boas" relacións políticas do presidente da Federación Española de Piragüismo
Santiago Sanmamed é o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, mais tamén é membro da executiva do PP de Pontevedra, na que acaba de entrar da man do seu presidente, Telmo Martín. Ademais é amigo persoal de Mariano Rajoy, e mantén moi boas relacións co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, institución esta última á que se acostuman agradecer os éxitos de Cal.
Ademais, pode haber pegadas doutras vinculación políticas dos xestores do piragüismo en Galiza. Segundo publicaba nun seu artigo César Lorenzo Gil en A Nosa Terra, o pasado mes de xuño, -xusto antes do Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Verducido-, o piragüismo en Galiza estivo vinculado no tempo do franquismo á OJE (Organización Juvenil Española), pertencente á Falange Española. Segundo conta Lorenzo, moitos dos presidentes dos clubes de piragüismo naquela altura mesmo andaban portando cadansúa pistola.
Aqueles tempos xa foron pasando, pero a ligazón entre o piragüismo galego e maila política mantívose.
As relacións das federacións española e galega con Deporte e coa Xunta non se caracterizan pola súa harmonía. Fontes da consellaría consideran que o modelo de xestión de Sanmamed, e mesmo de Modesto Tito Teixeiro Valledor, presidente da federación Galega, axéitanse a un determinado tipo deportivo-político da súa relación anterior cos diferentes gobernos do PPdeG.
O peso de Morlán na vida e obra de Cal
Outra das persoas ben criticadas dentro do piragüismo, unha das máis coñecidas e, por outro lado, tamén das máis admiradas é Xesús Morlán, o adestrador persoal de David Cal.
Segundo moitos palistas galegos, Morlán foi deixando o resto do equipo para dedicarse en exclusividade a adestrar a Cal. As dúas medallas que o palista de Aldán trouxo de Atenas son atribuídas por moita xente ao ben facer de Morlán, mais para outros o súa xestión deportiva é mesmo excesiva. Morlán é criticado por coller máis protagonismo que a persoa á que adestra.
Vale, pero que hai de certo en que lles pechen as instalacións? Que fixo a Xunta pra que non marchase adestrar a Asturias? Que importa onde adestre? Merece patrocinio un deportista que xa ten outros patrocinios?
Lede o artigo de ANT que ven no enlace e comprenderedes a que se montou:
Escolmo
"Da OJE a Xesús Morlán
O piragüismo en Galiza estivo vinculado no tempo do franquismo á Organización Juvenil Española, pertencente á Falange Española. Contan moitas persoas dese deporte de que xa iniciada a Transición era corrente ver directivos de diversos clubs cargando pistola.
Aqueles tempos pasaron pero a relación entre este deporte e a política mantívose. É pública a amizade entre o presidente do PP, Mariano Raxoi, e o presidente da Federación Española de Piragüismo, Santiago Sanmamed...."
Uns fachas que mangonearon e queren seguir a mangonear sen seguir normas nin dar contas a ninguén.
E a min que máis me dá en que partido milita (ou militou hai máis de 30 anos) o presidente da federación española?? Escudarse en que o piragüismo se formou ao abeiro da OJE (como outros tantísimos deportes en Galiza) é non ofrecer ningunha resposta...
Repito, o artigo de ANT explica a situación e coa afiliación e comportamento anterior de Xesus Morlán explicase todo. Se se quere ver claro...
Di que el non lé o DOG... ben unha trapallada de resposta, mais a Federación tampouco???
Non é o único caso de estrutura federativa e persoas vinculadas ao deporte e ao PP que viviron durante moitos anos con comportamentos nepóticos e chanchulleiros, sen normas nin c máis criterio que a discrecionalidade. Agora existe unhas normas e convocatorias que teñen que cumprir tod@s, ou non?
Como non vai ter que ver en que partido milita ou militou o presidente da federación española, nin de quen é amigo, nin á executiva de que partido político pertence? todo é política, mesmo no deporte, e dende hai ben tempo hai tratos de favoritismo e chanchulladas a favor dun e contra os outros piragüistas galegos. Aquí todos manexan como se lles antolla, e Cal non ten porque ser o culpable da historia, mais si un pouco marioneta dos intereses peperos de este e daqueloutro. Creo eu. É o que hai, independentemente dos éxitos deportivos (que a outros deportistas, por certo, non lles deixan ter).
Pois se Santiago Sanmamed é militante do PP e por iso non se lle deixa adestrar a David Cal en Pontevedra (supoñendo que todo iso sexa certo, o que sigo sen ter nada claro despois de ler novas e contranovas), a situación sería terrible. Dicir que o deporte é política é igual de exacto que dicir que o ser humano é política. De aí a xustificar comportamentos pola identidade partidaria hai un abismo democrático.
Pero é que ninguén dixo que a Xunta non lle deixara adestrar a Cakl, todo o contrario, o que non quere adestrar é el, ou non queren que adestre, mellor dito. E non queren que adestre Sanmamed e os seus esbirros, para que a Xunta quede mal en todo este tema, coma quen que non apoia a Cal... unha cousa rara, e política.
Cal non pediu a pista e non pediu a bolsa, tampouco pediu entrar noa lista de deportistas de élite galegos... non pediu nada, polo tanto non llo deron. Pero o que queren facer crer é que non llelo deron porque non o queren, ou algo así. Intereses ocultos hai unha chea, e Cal anda polo medio de todos, sen enterarse, creo eu, nin da metade. O resto de piragüistas si que se enteran porque o viven nas súas peles. Cal segue mimado, e os demais págano.
Creo eu.
Ao corrupto de Morlán se lle acabou o chollo dos privilexios e do nepotismo na Galiza e vai buscalo a outras terras, e Cal o segue, ala él.
Nesta vida haivos cousas máis importantes que as medallas, e a honradez e ser persoa évos ben máis importante. E estes dous non o son.
dicir q david cal é o mimado do pp é non ter NIN PUTA IDEA nin de piragüismo nin de política. Por se non o sabedes, David, o fillo do panadeiro da miña aldea, case non vai a Atenas pq o puto PP non lle daba nin un duro, de feito a canoa coa q competiu era emprestada por un empresario portugués de canoas. Iso si, outros e outras palistas, moito máis afíns ao pp, de feito foron nas súas listas electorais, dispuñan de todo o preciso para...fracasar nas olimpíadas, mentres o david, no que só cría o Morlán por moi amigo dos fachas q agora pareza ser, case queda na casa. O q pasa co David é q el non se arrima a ninguén, nin a pp, nin a bng, e por iso leva paus de todos. Concordo con q agora sotelo, ex-alcalde de cangas e vice da deputación, tenta tirar rédito político de todo este balbordo, e sinto algo de estrañeza por terse prestado David a todo iso, mais o q é innegábel é q lle están a poñer atrancos seguido en pontevedra e q o mesmo touriño lle dixo q ía solucionar todo e agora non aparece. É normal q o único deportista ibérico con dúas medallas nunha olimpíada sexa avisado por correo NON certificado das axudas ás q pode acceder??? Pois como lle chegue o correo á panadaría como chega na miña casa vai fodido... Non hai teléfonos, reunións con deportistas de elite, contactos,...., que carallo fan na consellaría de deportes??? Patrocinar o equipo do mafioso inmobiliario Karpin, quizais???
Unha máis: para contrastar o sentimento pepeiro do DAvid e da súa familia, abonda con lembrar a inauguración da rúa David Cal, q o sotelo argallou na aldea para apuntarse algún tantiño de cara ás eleccións municipais. Rematado o acto, após de falar, sotelo, unha representante dos veciños e o propio david, os cal marcharon tomarlle unha fecha ao bar da aldea, o carlete, con....mariano abalo e clara millán, fpg e bng, deixando ao sotelo "todo flipado" e amosándolle aos veciños que non esquecían quen case os deixa fóra de atenas. E agora,..., fanlle os outros igual???
Non creo que Cal sexa pepeiro nin deixe de selo... creo que o que pasa é que está enleado nunha rede de politiqueo que nin lle vai nin lle vén, pero na que está hasta o pescozo. os que fan política son os máis, pero enredaron a cal de tal xeito (Rías Baixas, a federación e as peperadas que hai detrás) que agora élle imposible desligarse diso. El é unha figura, un deportista incrible e un dos mellores piragüistas do mundo -cousa que pode demostrar de novo a no que vén en Pekín-, mais a cousa vén de lonxe e hai outros palistas que son prexudicados pola preferencia -sexa política ou sexa o que sexa- por Cal. Creo que hai cartos e tempo para todos, pero por cuestións políticas -e por intereses comerciais de Rías Baixas, a Depotación e varias peperadas máis-, axúdaselle de máis a Cal, mentres se machaca a outra xente coma Fredi Bea e Mascato, que sen adestrar ao nivel de Cal, non quedaron mal nas últimas competicións (sen que ninguén lles axudase un mínimo)... é todo un cristo, pero ninguén di que Cal non sexa un crac!