Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Propoñen o alcalde de Ames para a presidencia

A Fegamp camiña á ruptura no momento en que máis necesaria era a unidade

Finalmente, o trasacordo socialista fará que non se cumpra o pacto asinado polas direccións de PSdeG e BNG. O PP aproveita para remexer na ferida e criticar o "espectáculo" dos socios de goberno.

Redacción - 09:00 22/11/2007

A Federación Galega de Municipios e Provincias, a Fegamp, encamiñábase cara a un treito decisivo, despois de ser capaz de negociar o estabelecemento do Pacto Local, imposíbel durante o anterior goberno de Manuel Fraga e chegado á fin a bo porto no diálogo liderado polo conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu. O escenario optimista creado nun tempo que coincidía co alcalde de Lalín e presidente saínte da Fegamp, Xosé Crespo, do PPdeG, facía pensar que o punto de inflexión nas últimas eleccións municipais contribuiría a un contexto aínda mellor para os desafíos pendentes.

PSdeG e BNG chegaban á cita co novo deseño para a Federación Galega de Municipios mesmo cun pacto por escrito, onde se comprometían a unha presidencia de quenda no organismo, que iniciaría o representante proposto polo Bloque. O trasacordo do PSdeG, despois de que o PPdeG renunciase a unha presidencia en tres quendas, racha a boa sintonía que se prognosticaba posíbel.

"A actitude de PP e PSOE condena esta entidade a ser un instrumento político", laiouse este mércores o secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede, lembrando que o valor da Fegamp era precisamente a súa capacidade de ser "punto de encontro" para a defensa conxunta dos intereses dos concellos. Ansede acusa os socialistas de tomaren "hai xa unha semana" a decisión de "romper o acordo nacional entre as dúas forzas" e quéixase de que non intentasen "ningún contacto" para tratar de reconducir a situación. Así e todo, os nacionalistas agardan que durante a xornada deste xoves, na que se celebrará a asemblea da Fegamp, sexa posíbel recuperar un acordo "bipartito ou tripartito".

Desde o PSdeG, o secretario de Organización, Ricardo Varela, insiste en que alén do asinado anteriormente, a proposta do BNG de rotar a presidencia "non é razoábel se non participa o PP", e afirma que a rotación "só tería sentido se houbese un consenso amplo" de todos os grupos da Fegamp. Ao respecto da posibilidade de que interveñan na negociación os máximos dirixentes de PSdeG e BNG, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, Varela asegurou que os dous "coñecen a situación" e que as súas posicións concordan coas dos seus respectivos partidos. Os contactos de Touriño e Quintana non conseguiron polo momento a recuperación do diálogo a nivel da Fegamp e agárdase que a cita do Consello da Xunta deste mesmo xoves sexa unha nova oportunidade para o posíbel acordo entre PSdeG e BNG.

Queixas dos alcaldes "independentes"
O rexedor oleirense, Anxo García Seoane, alcalde á fronte da lista de Alternativa dos Veciños, era este mércores a voz dos concellos onde non goberna ningunha das tres forzas con representación parlamentaria, queixándose do manexo que, na súa opinión, están facendo estas formacións coa Fegamp. "Agora tamén queren suprimir os alcaldes independentes", laiouse García Seoane, criticando o labor da Fegamp durante os últimos anos, segundo el, moi pouco produtiva.


1/5 (1 votos)

Comentarios (5)

manual #1 22/Novembro/2007 manual
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A min paréceme que o PSOE chega a niveis máximos de descaro. Incumpre un pacto claro e consegue a presidencia da FEGAMP grazas a que o BNG si aplicou ese pacto e lle permitiu acceder ás alcaldías da maioría das vilas e cidades. Ollo: o alcalde de Ames, que será o que presida a FEGAMP, é o mellor exemplo desta situación. Trátase dun alcalde que tamén incumpre o pacto no seu Concello, ao non permitir a entrada do BNG no goberno local, mais el segue sendo alcalde grazas a que o BNG cumpriu e cumpre o pacto.

carlosroca #2 22/Novembro/2007 carlosroca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tranquilo que ainda lle han votar a culpa ao BNG ;-)

outrolector #3 22/Novembro/2007 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Resumindo: Falsos e sectarios.

charino #4 22/Novembro/2007 charino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Douche a razón carlospena, aínda lle han de votar a culpa o BNG. ¿deberá romper o BNG o pacto de goberno no seu Concello?

carlosroca #5 22/Novembro/2007 carlosroca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Sintome acosado :-(

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: