Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pide unha suba do 15% nas taxas eléctricas

Fenosa apela á "raíz galega" na procura de tallada eólica

O presidente do grupo empresarial, Pedro López Jiménez, a prol do relanzamento da enerxía nuclear.

Redacción - 09:00 01/04/2008

"Raíces" galegas e "compromiso" con Galiza foron dous conceptos postos na mesa este luns polo presidente de Unión Fenosa, Pedro López Jiménez, á hora de explicar que a súa empresa pretende chegar a unha cota de até o 20% do total do negocio eólico xerado no país.

López Jiménez pronunciouse así durante a súa intervención no Club Financeiro de Vigo, e mesmo chegou a opinar que esa "raíz" galega "debería puntuar" á hora de aspirar ao reparto dos 2.325 MW no concurso aberto pola Xunta. O presidente do grupo empresarial dixo incluso que na súa opinión podería falarse de "subvención indirecta" a Galiza á hora de garantir niveis de calidade similares por exemplo "a Madrid" cando segundo subliñou "os custos son maiores aquí pola dispersión poboacional".

Suba de taxas
O presidente de Fenosa tamén chamou ás administracións a permitírenlle ao sector "achegar as tarifas á realidade", queixándose da existencia dun presunto desfase entre os ingresos das compañías e os custos de produción e distribución. Segundo asegurou, ese desfase está "por riba do 15%" dos ingresos en 2008. "Hai que levar os prezos á realidade", dixo, advertindo ao respecto de que "o Estado español pode ter problemas con Bruxelas" co formato actual.

Pedro López asegurou comprender que "non se aplauda que os prezos da enerxía se axusten", pero afirmou que "a transparencia é o lóxico, porque se se tapan os problemas, o pagamos en conxunto". Nese sentido, recalcou que "cuns prezos que non son realistas non se promove a sustentabilidade nin a eficiencia". Por outro lado, dixo temer que o "cambio de ciclo económico" introduza o "risco" de que se volva a políticas intervencionistas por parte da administración, e sinalou que o sector enerxético "non é alleo a estes problemas". Comentou ademais que "a ninguén lle gusta ningún tipo de taxa parafiscal indirecta", en referencia ao canon hidráulico que pretende instaurar a Xunta. "Se se acepta é porque non hai máis remedio, pero non, ninguén o aplaude", reiterou sobre a posición do sector fronte a esta iniciativa.

Fenosa aposta pola enerxía nuclear
Cara ao futuro, Pedro López citou a enerxía nuclear, aínda que deu por feito que o Estado español "non avanzará" até que non dean "un paso á fronte" países como Alemaña e o Reino Unido, seguindo o exemplo de Francia. Así mesmo, instou a CEOE a pronunciarse porque, na súa opinión, sería "pintoresco" que se manifestase en contra, ou que non o fixese, en contraste coa posición dos grandes sindicatos.

O presidente de Unión Fenosa afirmou que a enerxía nuclear "podería ser a catalizadora dun novo salto tecnolóxico" a nivel estatal, e recordou que as primeiras centrais deron "un impulso importante" a industrias como a aeronáutica ou as auxiliares da automoción. Así mesmo, puxo o exemplo de Francia, que utiliza este tipo de centrais para crear plantas desaladoras.


1/5 (2 votos)


Comentarios (10)

Sabrexo #1 1/Abril/2008 Sabrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Fenosa cotiza aquí ou en Madrid?

Xistral #2 1/Abril/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Teñen unha cara tan dura coma o formigón armado co que enchen os nosos montes e ríos. "Raíz galega"??? E iso que significa para unha empresa que ten a sede social en Madrid e que pertence a Florentino Pérez e á cal xa non lle quedan accionistas galegos practicamente??? Que vaian practicar o latrocinio a outro lado. Cero patatero é o que había que darlles nos novos eólicos. E que pretenden? Vir instalar a nuclear a Galiza? Que a instalen en Madrid que teñen moito deserto secarral e son eles os que consumen máis enerxía. Á merda e a onde hai que mandalos, pois está claro que non merecen outra cousa.

Tino #3 1/Abril/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vaia papanatas: deben pensar q na Xunta ainda hai postais costumistas de galegos co traxe vermello e negro sentados diante do carro de vacas e o hórreo.
As raices q ten a Fenosa en Galiza chámanse encoros monstruosos, maras eucaliptos, prepotencia cos consumidores, primar o beneficio da empresa por riba de todo... Esas son as suas raices.

Antom #4 1/Abril/2008 Antom
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Xistral, tes toda a razón, hai que mandalos á merda.Fenosa nunca respetou nada nin a ninguén, a súa relación coa xente foi sempre a do abuso.Que lle pregunten aos da Lousa en Cerceda, aos das Encrobas en xeral, e a tantos miles de galegos que coñeceron as prácticas desta empresa de primeira man.Apelando ás raíces galegas estannos insultando unha vez máis;incluso cando o capital era galego, era un capital descastado, que só servía aos intereses particulares dos propietarios e do centro madrileño.A calidade do servizo aínda é moi deficiente en moitos lugares da Galiza, e mentres aquí producimos a maior parte da enerxía e sufrimos todas as consecuencias negativas desa producción, é en Madrid onde pagan os seus impostos e onde ofrecen servizo de calidade estes "tan gallegos";esa é a subvención indirecta que nos ofrecen.Apelo á memoria, porque non cambiaron, só pretenden saquearnos, e non lle importa o que teñan nin a quen teñan que levar por diante.

condedecotobade #5 1/Abril/2008 condedecotobade
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E non esquecer que o regaliño do Pazo de Meirás aínda que pagado por todos (bueno polos que vivisen daquela) foi recolectado polo Conde de Fenosa, quen precisamente grazas a ese regalo foi condecorado polo Caudillo (creo)

manhoca #6 1/Abril/2008 manhoca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

de verdade que alucino con istes"elementos"de Fenosa.ata donde queren chegar?eles fan e desfan a sua maneira e nen maria santisima lles paran os pes!!!Obteñen beneficios historicos e ainda queren subilas tasas!!!na miña aldea fai moitos anos aos ladrons os colgabamos polos co.....

longanoitedepedra #7 1/Abril/2008 longanoitedepedra
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

vaia cara. non digo máis nada. vaia cara...

triforio #8 1/Abril/2008 triforio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ai oh¡ E logo resulta agora que se acordan de ser galegos.
Porque non se lembraron vai anos cando expropiaban as terras máis fertiles de moitas parroquias para montar os encoros? E a súa vez estas parroquias non sabían nin o que era a electricidade.

Cando repartan eses 2.325 MW no concurso aberto pola Xunta, que o repartan entre as empresas que paguen aquí os seus impostos¡¡

E se quere nucleares que as poña no xardín dalgunha das súas casas.

Atlantico #9 1/Abril/2008 Atlantico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os beneficios que obten Fenosa cada ano no noso pais poden superar os mil millóns de euros, é dicir, máis de 1,5 BILLONS de pesetas por decada. Pasta fresca para que moitos madrileños vivan ben, e nos a emigrar de camareiros, con está xente man dura.

dxkkkk #10 2/Abril/2008 dxkkkk
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Union Penosa esta inscrita no rexistro mercantil de Madrid, Folla 219092 Folio 201 Tomo 16160 Seccion 8ª Inscripcion 5ª, e seu domicilio fiscal (Onde paga seus impostos) é Avda de San Luis 77, como se ve son Galegos de verdade.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: