Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
POLÍTICA

Amos e señores

Nalgún momento tiña que ser. Era impensable seguir facendo co solo o que nos petase, eran demasiados anos. Dá igual cara onde fósemos, Galicia estaba inzada de aberracións urbanísticas e casas ilegais. As naves industriais aínda conviven coas vivendas familiares sen ningún tipo de pudor. Na paisaxe prolifera o laranxa do ladrillo, moitas veces máis abundante que o branco das paredes ou o verde do campo.

Lupe Cendal - 20:40 06/06/2008
Tags:

Desde sempre fomos algo máis ca propietarios do solo, fomos amos. Amos inmisericordes que, tanto construían en núcleo rural que engadían tres alturas máis das legais, ou se merendaban cachiño a cachiño o litoral, e sempre coa compracencia da autoridade competente, a cotío distraída.

O solo é o totem sagrado do galego, lugar de orixe e destino onde acoden antes ou despois os nosos aforros, sempre escasos cando de ter vivenda se trata. Iso si, desde o momento en que pasamos a ser propietarios, que ninguén nos tusa. Esta leira é miña e fago nela o que me pete, o mesmo ten o que digan as leis ou os plans de urbanismo.
Por iso non é de estrañar que as normas que se encargan de calificar o uso do noso solo (os plan xerais de urbanismo) fosen sempre feitas a medida dos que están cerca do poder. Máis pendentes en atender as queixas do propietario arrimado ca en idear unha cidade equilibrada, con amplas zonas verdes e dotacionais. Esa mesma forma de traballar converteuse en impunidade para moitos alcaldes que viron no urbanismo o seu particular potosí, sen outro límite que o seu criterio particular, dixera o que dixera a lei. Ignorancia e pillería casaron para facer que unha boa parte dos plan xerais de urbanismo das nosas vilas e cidades fosen sendo anulados polos tribunais ou informados severamente por unha Xunta que comezou a sentir como súa unha terra que ata agora nunca foi pública.

Ourense, Boiro, Gondomar, Ares, Carballo, Forcarei e Verín xa coñecen o que é ver anulado un plan polo Tribunal Superior de Xustiza. Non serán os únicos.
Pero, agora que por fin se nos ocorre lexislar dunha maneira algo decente a forma de construír, dinnos que somos intervencionistas, que encarecemos o solo e que empobrecemos as promotoras que terán que emigrar alá onde lles deixen construír sen tanta andrómena. Normal que esas empresas busquen outros mercados, tanto aquí (facendo algo distinto que construír) como fóra (construíndo onde faga máis falta). Pero non polas rigurosas leis urbanísticas, senón por unha simple regra de mercado: miles de casas baleiras están clamando: basta xa!


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete