Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
FOI NACIONALIZADA ESTA SEMANA

Cementeira mexicana Cemex ameaza con demandar internacionalmente ao Goberno venezuelano

O presidente Hugo Chávez informou este luns que o seu Goberno está preparado para responder a unha eventual demanda da arbitraxe internacional por parte da empresa cementeira mexicana Cemex a cal foi nacionalizada esta semana. O presidente mexicano enviou unha carta ao presidente venezuelano que asegurou que a carata contiña "conceptos estraños" e que daría a coñecer en breve a súa resposta.

Xurxo Martínez Crespo - 12:09 22/08/2008

En Venezuela priva o interese nacional e non o das empresas transnacionais. "Se eles deciden ir a un xuízo internacional, pois xa Pdvsa foi levada a cen xuízos. E ondequeira que vaian eles, alí estamos nós".



"Se eles deciden ir a un xuízo internacional —bo, xa Pdvsa foi levada a cen xuízos— imos. Non temos medo, ondequeira que vaian eles aí estaremos nós coas nosas razóns e a poderosa forza da moral e da lexitimidade dun goberno que representa a un pobo digno", dixo o mandatario.

A intención de proceder legalmente contra o Estado venezuelano coñeceuse a noite deste mércores, mediante un comunicado difundido por diversas axencias e medios internacionais.

O presidente mexicano envía unha carta ao presidente venezuelano


O presidente venezuelano declarou que axiña responderá a carta recibida, de Felipe Calderón, onde trata o tema da nacionalización da empresa cementeira mexicana en territorio venezuelano.

"Chegoume esta carta do presidente de México. Un pouco estraños algúns conceptos do presidente de México, pero non vou facer público algo que aínda non terminei de redactar, só estou respondéndolle", puntualizou o presidente Chávez durante unha xuntanza con ministros do seu Goberno.

Ratificou que en Venezuela priva o interese nacional e non o das empresas transnacionais e expresou que "esas son as diferencias dos gobernos da dereita e nós os gobernos de esquerda". Sinalou que o Estado venezuelano fixo todos os esforzos para chegar a un acordo con Cemex, discutindo en termos amigábeis e dándolles un prazo de dous meses.

"Coas empresas do Estado francés chegamos a un acordo amigábel. Incluso manteñen unha porcentaxe. A outra empresa, de Suíza, sen problemas; dialogaron e tamén fican connosco, queremos ser socios deles. Aceptaron que aquí hai unha Constitución, unhas leis e un Goberno. Os mexicanos non: irrespectuosos —díxomo o vicepresidente—, agresivos, retadores, cunha actitude desafiante", comentou o presidente venezuelano.

"Nós estamos revisando a fondo pasivos ambientais, pasivos cos traballadores, xubilados e xubilados", dixo o presidente venezuelano, quen se referiu ao alto nivel de contaminación xerado por Cemex na rexión de Pertigalete.

Tamén mencionou que investigan a posíbel evasión de impostos por parte da compañía cementeira mexicana. "Eles queren cobrer non sei cantos miles de millóns de dólares. Non os vale. É unha empresa, ademais, con grandes fallas tecnolóxicas. Fixemos un taxación, unha inspección. Non investiron nunca en tecnoloxía. Moito máis avanzadas e modernizadas están as fábricas das empresas francesas e suízas", puntualizou.

"O presidente mexicano, unha das cousas que me di aquí —de xeito aventurado, sen ter información precisa—, é que estamos dando un trato discriminatorio á empresa mexicana", sinalou Chávez manifestando que a situación é á inversa, que lle están dando un trato xusto.

Reflexionou verbo o caso dos sectores poderosos que terminan impóndose aos gobernos, subordinando o Estado á sociedade civil burguesa e acotou: "Non estou dicindo que o presidente de México sexa un monicreque, non, pero moitas veces aquí en Venezuela terminaron sendo monicreques da burguesía, dos grandes empresarios nacionais e internacionais".


3,4/5 (5 votos)