Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
4º Congreso da formación

CC aposta por máis autogoberno para a "nación" canaria nun modelo "confederal"

Coalición Canaria propón tamén que o réxime fiscal especial das Illas se perfeccione collendo "o mellor" dos modelos de Euskadi e Nafarroa.

Redacción - 13:30 28/10/2008
Paulino Rivero (CC), presidente do goberno de Canarias

Paulino Rivero (CC), presidente do goberno de Canarias

"Cremos que debemos ir cara a unha reforma que transforme o Estado nun modelo confederal onde sexa un instrumento ao servizo dos intereses dos territorios e non á inversa, como acontece na actualidade", expón un dos relatorios votados favorabelmente no cuarto congreso de Coalición Canaria (CC). O documento apela á condición de "nación" das Illas Canarias e pide que no marco do recoñecemento da realidade plurinacional do Estado Español se avance cara a unha relación "bilateral" e de "cosoberanía".

"A bilateralidade implica que Canarias e o Estado se relacionen entre si de igual a igual, sen subordinacións de ningún tipo", indican, "o Estado debe ser leal coa Nación Canaria e non desleal como na actualidade". Ao fío cualifican a actual noción de soberanía "absoluta" do Estado de "caduca, vetusta e non adaptada aos novos tempos da Unión Europea".

A chave de futuro: "soberanía fiscal"
Nun sentido máis pragmático, o relatorio afonda na necesidade de que eses avances no autogoberno se expliciten no cambio do sistema fiscal. Nesa liña, e aínda salientando os "grandes beneficios" que lle atribúen ao réxime especial fiscal das Illas, Coalición Canaria maniféstase a prol dunha "ampliación e mellora" que ademais de conservar as vantaxes actuais colla "o mellor" dos réximes fiscais de Euskadi e Nafarroa.

"Debemos cambiar o chip e pasar dunha mentalidade subsidiaria ao escenario de autosuficiencia financeira e a responsabilidade fiscal que caracteriza os dous réximes forais anteriormente citados", propón o texto político de CC.

Coalición Canaria saíu das urnas en 2007 como terceira forza máis votada, atrás de PSOE e PP, e goberna desde aquela a través dun pacto co Partido Popular. Logo de coñecer o contido do relatorio, desde o PP advertiron que racharían o acordo con CC no momento en que a formación tentase introducir no pacto de goberno calquera dos puntos recollidos no documento.


Ligazóns

3,29/5 (7 votos)


Comentarios (3)

piugo #1 28/Outubro/2008 piugo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

As palabras son palabras, e estas aínda non están mal de todo, mais CC é unha corruptela en sí mesma, cunhas leas do demo e uns movementos cando menos sospeitosos. Dende logo, eu a estes non os quería en Galiza.
Por outra banda, non me cabe a menor dúbida de que o modelo federal para as illas pasa polo estado confederal. Non obsante, nós aspiramos a máis, non si?

Anti_Lusista #2 28/Outubro/2008 Anti_Lusista
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Agora saen con istas, pero sonche mais mornos coutra cousa. Dalles igual pactar co PSOE co PP e con quen sexa, por pactar ate co diaño, aínda cas cousas co PSOE non andan moi alá últimamente.

molondron #3 29/Outubro/2008 molondron
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Que che parez? Escoitar a CC falar da nación canaria!! Ver para crer! Claro que Canarias merece a condición de nacionalidade, especialmente polas condicións xeográficas (inseridas en pleno continente africano) e económicas (dependencia do transporte aéreo e marítimo para a súa supervivencia), mais que veñan os coalicioneros a defendela da gañas de...
Fato de corruptos (demostrado máis unha vez nos tribunais de xustiza), amiguistas dos empresarios constructores-destructores da paisaxe e da idiosincrasia de cada illa, pactistas coa dereita española máis reaccionaria... Manda carallo!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: