Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSECUENCIAS DO TEMPORAL

O Courel: cando a neve pasa de atractivo turístico a pesadelo

A falta de servizos deixou a zona incomunicada tres días por mor dun cable de alta tensión no medio dunha estrada.

Modesto del Río - 20:00 01/12/2008
Mentres O Courel está bloqueado, O Cebreiro está ateigado de automóbiles / Xosé Ramón Rodríguez

Mentres O Courel está bloqueado, O Cebreiro está ateigado de automóbiles / Xosé Ramón Rodríguez

O que noutros lugares é unha importante fonte de atracción do turismo, a neve, no Courel converteuse nun impedimento. Habitantes do núcleo de Paderne estiveron tres días sen electricidade e illados do mundo non só por mor dun dos temporais máis intensos que se lembran, senón tamén pola caída dun cable de alta tensión sobre a estrada.

Segundo conta unha veciña de Mercurín, Menchu, a caída do cable deixou a zona incomunicada. Ademais, a pesar de que se puxeron en contacto con Unión Fenosa e coas diferentes administracións, ninguén acudiu a sinalizalo nin os informou de se tiña corrente ou non. "Non subiu ninguén, e a xente non sabía se podía pasar".

O mesmo dixo Xesús, da Casa dos Chaos, en Paderne: "Parece que se esquecen de nós". Até ese momento a situación fora normal: "Empezou a nevar o venres á tarde e comportáronse. Limparon, pero así que caeu o cable, chamouse a todo o mundo, pero ninguén fixo nada".

Como consecuencia, ningún vehículo puido circular, nin sequera unha ambulancia que acudiu a asistir unha veciña que sufrira unha caída. Un grupo de persoas tívoa que levar nunha cadeira até o vehículo asistencial. "O cable quitárono hoxe", explicou Menchu. "Ao final estaba sen corrente, pero ninguén avisou". E iso que pola estrada se podía subir con cadeas.

Aínda que Menchu recoñece que "un temporal de neve de tres días hai anos que non o recordo", tampouco lembra ter estado tres días sen electricidade, dende o sábado á mañá até este luns ao mediodía. Isto provocou graves incomodidades a todos os veciños: "sen móbil, sen neveiras, sen electrodomésticos...". A xente "enfadouse. Veuse moi impotente. A estas alturas de século paréceme terceiromundista".

Falta de servizos

Orlando Álvarez, da asociación SOS Courel, dixo que na zona non hai servizo sanitario polas noites. "Se se quere fixar poboación na montaña, non se entende", o que causa un agravio comparativo "con outras zonas con máis neve", que se atopan máis preparadas e previdas. "Hai máis dunha semana que se sabía que ía haber o temporal", explica.

"Os políticos falan pero non se está a facer nada", quéixase Álvarez. A falta de servizos provoca que, por exemplo "os rapaces teñen que ir a clases de natación a 100 quilómetros de distancia, en Monforte". E iso tamén lle afecta ao patrimonio natural e cultural da zona: "Se a xente marcha, pérdese todo". A falta de servizos agrávase na sociedade actual, con novas necesidades. "Antes a xente aguantaba. Tiña o porco afumado e salgado e non tiña os problemas que hai agora cos frigoríficos", asegura Orlando Álvarez.

Catástrofe para o turismo

Xesús, da casa dos Chaos, explicou que "a situación xa está restabelecida. Xa temos luz e teléfono", pero que estiveron sen eles dende o sábado á noite até o luns pola mañá. O feito de pasar ese tempo incomunicados, para Xesús, é inxustificábel: "Isto tampouco é o Himalaia. Se nas pistas de esquí a neve é un atractivo turístico, aquí é algo catastrófico. É unha situación un pouco penosa". Porén, os fallos de electricidade non son frecuentes na zona dende hai 15 anos: "A luz normalmente funciona ben, hai postes de alta tensión de ferro".

Como propietario dunha casa de turismo rural, afectoulle moito. "Tiña a casa enteira reservada. Anularon a metade das reservas, e o resto marcharon cando viron a situación. O temporal debería ser un atractivo máis. Se pasa en Manzaneda ou no Cebreiro, non hai problema, pero aquí no Courel a xente pénsao dúas veces" antes de vir, porque sabe que pode haber incomunicación e cortes eléctricos e telefónicos. "A xente non é tonta", afirma Xesús.

O mesmo di Toño, da Casa da Aira, en Froxán: "Isto prexudícanos a todo o sector turístico. Aquí non temos nada. É unha vergoña. Pasamos do que tiña que ser un atractivo a ser un problemón", e iso que "estamos a falar de 20 centímetros de neve, non dun metro".

Tamén é escéptico coas promesas dos políticos: "Pasa o de sempre. Os políticos só se preocupan de saír na foto. Aínda que esta fose unha situación excepcional, é cando hai que solucionar as cousas". Comprendería que, coa caída do cable "puidésemos pasar un día sen luz, pero non ter unha estrada cortada por un cable que non se sabe se ten corrente". "A xente andaba rebotadísima. Isto non é o Terceiro Mundo".

Descoordinación

Segundo Xesús, o problema é a falta de coordinación entre as administracións e a inexistencia de alertas. "No Courel hai 200 ou 300 quilómetros de estradas, e unha persoa soa para limpar non abonda". Tamén critica que deixase de lado a estrada Samos-Seoane, "onde se concentra unha terceira parte do turismo da comarca, ten capacidade para 50 persoas, pero esta estrada esquécese". Ademais, o porto de montaña é o límite entre dous concellos: "Un limpa dunha parte e do outro lado non se limpa. Quedan os coches descolados da outra parte. Fai falta coordinación entre os concellos", demanda.

"Haille que dar prioridade ás zonas onde hai máis xente. Ao sentirse illada ponse moi nerviosa. Se se poñen malos, que fan? Como a señora, que a tivemos que sacar nun sofá, levala nun todoterreo uns metros e despois desprazala á ambulancia, do outro lado do cable".

Toño tivo algo máis de sorte, porque recuperou a electricidade o domingo á noite, aínda que "pola mañá aínda estivo bailando". Até entón, "quedamos sen luz, auga, calefacción, cociña, nin nada". Tamén coincide en que a situación "parece terceiromundista. Eu penso que nun sitio como no Courel tiña que haber medios. Temos unha extensión moi grande e fai falla máis previsión".


5/5 (30 votos)


Comentarios (8)

Brais #1 2/Decembro/2008 Brais
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Parabéns pola crónica

megoxe #2 2/Decembro/2008 megoxe
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Os hostaleiros e o comerciantes do Courel perseguidos e represaliados, e todo por ser un estorbo para as pizarreiras, madereiras e políticos con cazo. Fenosa, ¿empresa galega? non vai pagar un can por a desfeita

Erasmo #3 3/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

E mentres tanto Os Alcaldes ¿estaban esquiando?

Protección Civil ¿estaba tomando carajillos?

Unión Penosa tiña que sentarse no Xulgado dunha vez por todas!

Pero non vos preocupedes que agora veñen as Eleccións e volverán escoitarse Promesas e máis Promesas...!

Qué pandilla señor!

ecoe #4 3/Decembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Seguramente precipitádesvos: é que non sabían cómo é o inverno no Courel, nunca o pasaron nin nada teñen a ver salvo as pizarreiras, claro. Non apremiedes á Xunta, que vai acabar sin pronunciar o touriñés, o mesmoño que lle pasaba ó Fraga. Só con cheirar (inda que moi de lonxe) poder.... uf.

Erasmo #5 3/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Hai cousas que nunca pasan de 'moda' por desgracia...!

E atrás dos tempos veñen tempos...
... e outros tempos han de vir...!

¿Pero cando?

http://www.vieiros.com/open/am...

Erasmo #6 5/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

¿Unha vez máis teremos que lembrarlles ós responsables políticos que Galiza Non Se Vende?

Para que no 2010, as Letras Galegas honren a Novoneyra:
http://www.uxionovoneyra.com

Para ver as últimas noticias do Courel: “Pánico rural”:
http://www.mundogaliza...

Para ver as paisaxes de Novoneyra mira o vídeo que ostenta o record da Galiza, o máis visitado, a ver se conseguimos este Nadal o millón de visistas…?
http://es.youtube.com/watch?v=...

En tempos difíciles Novoneyra intercedeu e conseguiu que non se destruíra o fabuloso bosque da Rogueira, pero hoxe, cando el xa non está mira o que fixeron...
http://galizanonsevende.org/Wo...

Moitas grazas. SOS Courel, 5 de decembro de 2008.


Difunde esta información...!

Erasmo #7 8/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Caramba vaia novidade...!

É a primeira vez que se eliminan comentarios dunha noticia publicada en VIEIROS...

Espero que fora un despiste e non se vai converter en costume...!

Saúdos

Erasmo #8 8/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

FALSA ALARMA... jajaja

Menos mal que aínda temos VIEIROS...!!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: