Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


25 anos

18:37 04/10/2007

O aniversario da refundación no BNG é tamén o cabodano das exequias dun proxecto de soberanía pensado desde a esquerda para este país. Por aquela altura, noutros foros, invocábase un partido político á medida da sempre feble burguesía nacional.

Moitas das correntes convidadas á asemblea de Riazor abandonaron o proceso. Dixeron que o teórico cambio de estratexia do Bloque, na realidade, consolidaba dúas renuncias que se habían manifestar a medio prazo. A primeira acabaría situando a autodeterminación na corda frouxa do horizonte -previamente se renunciara á independencia-. A segunda liquidaba a posibilidade dunha frente popular de esquerda onde coubesen tanto as formulacións clásicas –socialistas, comunistas, anarquistas- como os agromos alternativos que xa asomaban a cabeza por Europa.

Riazor puido converterse nun acordo entre todas ou case todas esas siglas (minorizadas hoxe debido ao seu silenciamento nos medios de comunicación; tamén polo teimudo sectarismo), pero desembocou nun “proxecto común” disposto a camuflarse para gañar poder institucional. Se alguén prognostica daquela que o recén estreado BNG sondaría vinte e cinco anos despois un pacto coa dereita franquista, mesmo os máis escépticos coa refundación mandaríano a un psicólogo.

Ningunha persoa que comparta os mínimos da civilización mira mal o éxito nas urnas do BNG. Son obvias as vantaxes a respecto do modelo Franqueira: a cultura dos cadros e sobre todo das bases do Bloque é indiscutiblemente progresista e está a anos luz da galeguización do entramado caciquil que se promovera desde Ourense.

Os agoiros cumpríronse
No entanto, os agoiros cumpríronse: á rapaza que cobra 500 euros nun hipermercado por xornadas de dez e doce horas, que non ten dereito, na práctica, á sindicación; aos novos emigrantes (uns con máster universitario, outras encofradores, electricistas, camareiras); aos ex-labregos e ex-mariñeiros que marchan á cidade para cobraren, se hai sorte, a súa cota de miseria –¿de verdade que debemos agradecer 210 euros en concepto de esmola pola precarización?-, a toda esa silenciosa maioría o da “defensa dos sectores produtivos” sóalles a música de cámara. Se había dúbidas, ao fondo está a foto de familia co empresariado catalán e vasco.
Quen moito enfeixa pouco ata, di o refrán. Mais o BNG insiste no funambulismo: entre a promoción dunha patronal galega e o sostemento dun sindicato de clase, entre a mobilización de Nunca Máis e a desmobilización contra Reganosa, entre a Cidade da Cultura e a ausencia dunha rede cultural. E Corrubedo, e Monteferro, e Quilmas, e o Courel, e a subvención millonaria ás empresas que monta a Igrexa católica.

Demóstrao o goberno de Cangas, non só coa brillante xestión urbanística a cargo de Mariano Abalo, e advírteno miles de votos en Ferrol: hai vida á esquerda. O sentido común, o pacto estratéxico, a crítica das aventuras sectarias e a defensa das verdadeiras necesidades da maioría non son patrimonio da acomodación. Os cantos e alabanzas ao proceso de Riazor veñen nos mesmos xornais que bouran a diario naquilo que o BNG di representar. 

Nestes vinte e cinco anos moitas persoas acabaron concluíndo que a libre decisión dun pobo sobre o seu futuro e a xustiza social son ideas completamente excéntricas. O que os pais planifican como estratexia, os fillos enténdeno como tradición. Despois sempre levan a culpa os rapaces.

4,34/5 (44 votos)


Comentarios (13)

breixoak #1 4/Outubro/2007 breixoak
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esto é o que pola zona de Carballo se lle chama dar estoupa. Mi madriña. Cordal, dende logo, non tes pelos na lingua.

SIBERIA #2 4/Outubro/2007 SIBERIA
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

MARIANO ABALO, ese independentista que vai das mans suxas dos españois de IU, iso si,convenientemente diluído nunha "alternativa".

Por certo ¿Que tal a FPG en Cangas, porque mesmo cando o BNG era ultra-marxinal, ai estaba Allariz, mais a probe FPG, ¿...?

Debo criticarllle ao señor Cordal a crueldade coa que trata a IU, manda truco!, hai quen non ten escrúpulos!. IU, ese partido que perdeu a representación parlamentar en Galiza e que case que perde o grupo no Congreso español dos españois, ata que os de IpC-EV lle salvaron o pescozo in extremis a Llamazares. ¿Onde goberna IU na Galiza?, se cadra na proletaria Vigo?, ou ao mellor ten presenza n'A Coruña, Lugo, Ourense...A Porqueira, Pontedeva...Sen comentarios.Cómpre que reflexione, non é preciso que manque a esta nauseabunda sucursal española na Galiza, non é preciso.

Como todo o independentismo radicaloide, de manual: U-la FPG? (de Nós-UP xa nin falamos)¿cómo se libera unha patria colonizada cando para o 95% da súa poboación, non existes?

DESPOTISMO ILUSTRADO: TODO PARA, E POLO POBO, MAIS SEN O POBO

esquio #3 4/Outubro/2007 esquio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non entendo esa xenreira contra o BNG. A calquera independentista, nacionalista, ou galeguista deste país lle pode gustar máis ou menos o Bloque, pero facer este tipo de críticas onde o BNG aparece como o dilapidador doutro posible proxecto é moi inxusto e indica unha visión trabucada da realidade e, con todo o respecto, acomplexada.

Eu creo que o BNG nestes 25 anos fixo moitas cousas e moi boas e conseguiu que houbese un contrapoder galego con posibilidades. Acadou máis poder que nunca na historia do galeguismo, protonacionalismo, ou nacionalismo. É inxusto acusalos de que todo vaia mal socialmente, ou que non se tivera feito a revolución.

Creo que dentro do Bloque hai independentistas e tamén fóra. Creo que ao noso país intersalle un BNG forte e con posibilidades electorais. Do mesmo xeito creo que Gz necesita correntes independentistas fortes, alén de onde militen políticamente.

Creo que ese é o problema do galeguismo nestes tempos: conseguir unha corrente de opinión transversal ás opción políticas de simpatía coa indepencia.

Podemos?

angarati #4 4/Outubro/2007 angarati
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu creo que valeu a pena a evolución do BNG en 25 anos. E tamén penso que foi fundamental para botar fóra a Fraga despois de 16 anos.

ecoe #5 4/Outubro/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois a primeira parte do artigo, a que indica os abandonos son RIGUROSAMENTE HISTÓRICOS, ata tal ponto quedan lonxe á maioría de militantes o/ou simpatizantes de hoxe.

Xa si é brilante ou non a xestión de urbanismo do Abalo descoñezo, mais sí me é perfectamente NEGATIVA EN TERMOS DE ESQUERDA a do Bloco de Pontevedra, sin ir máis lonxe, ou incluso se podería falar de Allariz seguramente (veríamos logo).

Coido que o que foi o Bloco non o é hoxe nin de lonxe. Alá quen acepte o a cada máis profundo cambio, viaxe que que igoal remata onda nunca debera, pois non foi creación de chequeira algunha en man, como tamén financiamento desde a CIA a propia socialdemocracia (outra vía da mesma orixe ca anterior, pois sempre o Imperialismo USA detrás), caso obviamente claro do pesoísmo. Nin se realizóu a golpes de €$tado, con totais apoios mediáticos i económicos do franquismo, como a dereita posfranquista hoxe rebumbiada toda en PP.

Foron movimentos sociais e políticos quenes deron nacimento ó BNG, pulo e vida: foron as loitas, a rúa, as leiras e o tallo d*s traballador*s galeg*s. Hoxe nada a ver éstes maioritariamente nin calificadamente con aqueles, salvo nos votantes e mesmo entre a militancia sindical, que aínda conserva maior peso ·nacionalista".

Fraga e o franquismo nunca estarían lexitimados si outros grupos non lle axudaran, e eses grupos supostamente son de esquerdas.!

moledo #6 5/Outubro/2007 moledo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Discordar com o BNG é legitimo, normal e mesmo vivificador para a sociedade galega. Mas é difícil compreender a Galiza de hoje sem o labor do BNG nestes 25 anos, esse percurso histórico ninguém tira...e muito menos aqueles como o autor deste artigo que desde DENTRO do sistema de colonização espanhola, duma maneira esquizóide, tanto são ferrenhos BNGfóbicos quanto não poupam as calunias mais doentias contra o reintegracionismo, tal como este sr. fez num seu artigo anterior...E é que vive-se muito bem assim.

Aguardo ver mais 25 anos de BNG.

Wagneriano #7 5/Outubro/2007 Wagneriano
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo contigo, Moledo.
Mas, semelha que quando o que interessa é só o bandulho e a algibeira, todo vale: mesmo a calúnia, da que este senhor se fijo lavrador nesse anterior artigo que tu citas e que mereceu mais de 100 respostas nas que ficou em evidência; e com ele, também as teses e os argumentos dos "desintegracionistas" da nossa Língua.
O grande mérito do imperialismo espanhol é ter ido abducindo a toda esta "intelligentsia" à que permite um discurso realmente paranoide que, no fundo, só serve para seguir a corroer os alicerces da nossa identidade. Onde estavam estas pessoas (ou os seus equivalentes)quando o BNG era uma força política que, luitando em dificílimas circunstâncias, tratava de manter acesso o facho da galeguidade?
Está contra o reintegracionismo, está contra o BNG...afinal que somos, senhor Cordal? Saltimbancos intelectuais de gavinete? Independentistas hispanodependentes? Anarquistas de salom? Esclareça-nos um pouco a nós, pobres mentes caídas nas trevas da ignorância e do combate inconsciente contra Galiza, contra a sua literatura e contra nom-sei-que-mais.

baltar69 #8 5/Outubro/2007 baltar69
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

somos oito e o que fixo o artigo de cabeceira, nove. nove votos que contabilizaría o pepé, pero nove votos que nin contabiliza iu, fpg, nos nin bng. divide e vencerás. estamos fodidos, e eu son o primeiro que, de vez en cando, boto un man para foder todo.

Maiakovsky #9 5/Outubro/2007 Maiakovsky
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois mirade: eu non son nen de lonxe simpatizante de FPG, á que considero sectaria e infantil en moitos aspectos (sobretodo, a súa obsesiva fobia anti-reintegracionista e hostilidade a colaborar a unha opción independentista unida) pero non teño nada que obxetarlle ao que soltou aquí o Cordal. Non me parece ver ningunha xenreira contra o Bloque, senón o recoñecemento das abdicacións deste. O nacionalismo institucional conseguiu cotas, pero segue un camiño moi trillado. Sóavos o SPD alemán no 14, e despois nas Entreguerras? Eles deixaran de ser revolucionarios. Ben. Cadaquén ao seu. O PSOE, que deixou de existir trala Guerra Civil e nace como un chilote liberal-reformista con apoio da CIA e Olaf Palme, máis do mesmo...
É que os vosos argumentos son do mesmo estilo dos deles cando falan do socialismo. Fixéronse conquista blablabla, a dereita é mala e os críticos do BNG son axentes disfrazados do feixismo, etc... 'Marxistas' todavía -disque- os hai no PESOE. Como independentista no Bloque, ou...
Que este siga o seu camiño cara os verdes prados do Galeguismo e do acatamento de todo o habido e por haber, incluída a Monarquía e o Estatutiño. C'est bien. Pero non nos tomedes o pelo. Os que seguen crendo nalgo distinto terán que agruparse nunha forza nova, independentista. Xa que sodes agora CiU ou PNV (cara iso camiñades) xa vai faltando unha Esquerra...

deLis #10 6/Outubro/2007 deLis
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo com o Maiakovski. Apenas aguardo que esta opçom ("a l'esquerra") que propom ele e que poderia materializar-se no Causa Galiza, nom vaia aginha a esmorecer como as BDG. Nisso nos vai a auto-determinaçom.

felipin #11 8/Outubro/2007 felipin
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois a min tampouco me sorprende o artigo.
Pode ser que veña un pouco condicionado polo momento actual e que non se faga xustiza ós 25 anos completos, pero esta foi a evolución do bloque, e veremos a que queda por vir...

jujolor #12 8/Outubro/2007 jujolor
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

CREO QUE E O MOMENTE DE LOITAR XUNTOS TODOS OS GALEGOS DE BEN.


SEMPRE EN GALIZA

zutabe #13 9/Novembro/2007 zutabe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Siberia, no teu comentario caes na doada discriminación cara unha forza política que ten un apoio humilde entre a sociedade. Humilde, iso está claro. Faste eco dun topicazo moi común (valla a redundancia) á parroquia bloqueira. Será, en parte, porque das
escisións que tivo o teu partido na súa historia, é a que ten máis

apoio social e a que mellor sobreviviu. Tédelo atravesado porque a FPG é o recordo do que fostes. Daquela xa choveu e non hai máis que ver cara onde evolucionastes.

Si, a base social da Frente é, aínda, pequena pero non por iso menos respetable ca outras forzas cunha cobertura máis ampla. E non me quero asañar coas vosas bases porque me parece máis repudiable a vosa directiva e varios peóns que tedes nos concellos. Véxanse os especímenes de Moaña, Cangas ou Vigo e as súas actuacións nos respectivos PXOMs. "De la UPG, dicen".

Alucino con ese recrearte que tés acusando á agrupación de Abalo de ir coaligado cos españois de IU e aludindo a unha suposta traizón ós principios dun soberanista acérrimo. Non entendes o proceder tacticamente necesario que hai que emprender en momentos determinados, e levados polas circunstancias, para evitar que vós, PSOE e PP copedes por completo as institucións. Non só as autonómicas, senón que tamén habedes querer para vos soíños as municipais. E total, pra facer que? Non sodes quen de aturar que Abalo en Cangas vos faga moita pupa. Xa quereriades vós os seus votos e que deixase de endereitarvos e enseñarvos a facer política dun xeito altruista e a non vivir dela.

Con respecto da coalición, se cadra tamén vos parece mal que no Frente Popular de 1936 converxesen diferentes agupacións de variopinto signo político tal que galeguistas, catalanistas, comunistas, socialistas, anarquistas,... tamén por unha cuestión táctica e práctica como a que compría en Cangas. Iso se fixo nesta vila para evita-la dispersión do voto e non esmorecer perante as maiorías como a que ti defendes, que deixan bastante que desexar. Pois se de maiorías vai..., non nos presentemos ningún e que concorra só o Partido Popular!. Amais, querido politólogo, unha reagrupación de forzas deste tipo, en ámbito municipal, como comprenderás, aínda é máis difícil que teña problemas verbo do concepto de nación. Porque vaian xuntos non quere dicir que perdan a súa esencia, os que a teñan, ou si??? Disto sabedes máis vós...
Non sei como te-la ousadía de falar de aliarse con españolistas gobernando na Xunta co PSOE, e sabendo que en Galicia este partido é a cousa máis xacobina e máis centralista que te podas botar á puta cara. Amais, se tanto noxo vos dá a FPG, que carallo facedes laméndolle o cu en Cangas á hora de formar equipo de goberno?

Entón, ti mesmo dis que sodes uns sicarios que por chuchar goberno ides con quen máis detestades. Sodes uns mercenarios, e a vosa historia está aí para demostralo.

E un par de apuntes máis... Se Abalo fose un radical de manual, como ti dis, permanecería no sectarismo e non pactaría de forma intelixente, sen ceder, e sen "baixada de pantalóns" ningunha (ás que vós estades acostumados, como demostrastedes co IBI neste Concello fronte á ACE, por certo) polo ben popular e pola mellora da vila. E estase a demostrar aquí en Cangas... E demostraríase máis se a nosa alcaldesa do Bloque non boicotease a tarefa dos concelleiros de ACE, sobre todo, a de Abalo que rexenta Urbanismo. Iría mellor se esta tipa, Clara Millán, non argallase gobernos paralelos con xente da dereita ESPAÑOLA e se non puxese trabas ás subencións da Xunta que corresponden ás concellerías que ocupa ACE.
Outra cousa, ¿como se liberará Galicia cun partido rexionalista (por moito que se chame nacionalista) que non procura a saída do autonomismo?. Pero de que me falas?, lembras cando o voso Quin quiso capta-lo voto galeguista do PPdeG...? "O voto galeguista cabe no BNG, forza tremendamente moderada" ¿Como se poder liberar unha patria, sen entendela dende o marxismo, do que o Bloque foxe a pasos axigantados cara o centralismo ou máis (véxase a concorrencia ás eleccións europeas con CIU e PNV)?

E lembra, somos poucos pero caralludos!!!.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colabora ademais no xornal Galicia Hoxe.

Outros artigos de Xabier Cordal en Vieiros:

Roubáronnos o sol (21/10/2005)
Mala conciencia (11/10/2005)
Columnas bárbaras (03/10/2005)
Cidade Vampiro (23/09/2005)
Gasolina (29/08/2005)
Parabéns (29/06/2005)
Política cuántica, II (25/06/2005)

Máis no vello Vieiros.





Locais:
GZ-Sete