Isaac Díaz Pardo, en cada encontro público, non cansa de dicir que somos unha colonia. É a tradición ilustrada galega a que fala desde el, é a declaración revolucionaria de Faraldo. Ser colonia, como explicaba o profesor Beiras coa obra clásica de Albert Memmi na man, implica que o roubo da forza produtiva –materia prima, intelixencia social- se espella tamén no psicolóxico.
O autoodio non é a doenza, senón un síntoma. E non vai remitir exaltando a dignidade, virtude volátil, autorreferencial. A “defensa da dignidade” dalgunhas elites e dalgúns xornais publicados en Galicia cesa exactamente cando o suxeito histórico que seica pretenden dignificar imaxina algo novo ou ensaia algún método pertinente para recuperar os seus medios de produción. O discurso populista da dignidade é falso.
Para a mentalidade colonizada a imaxe do expolio urbanístico son os galegos incultos, “chapuzas made in Galicia”, e non as mafias construtoras, nin a inhibición legal de todos os réximes, até hoxe, en materia de ordenamento urbano. E as responsables do desmantelamento da agricultura son as labregas. E os culpables de que rouben enerxía aos únicos e lexítimos propietarios do vento (o vento, as praias, os ríos, non eran públicos?) somos nós, que carecemos de vocación empresarial.
Mercantilización do símbolo
As elites e os xornais “defensores de los intereses de Galicia y sus provincias” xustifican a súa existencia nun activo simbólico que se pon en marcha con Cantares Gallegos. Xa a finais do XX ampliaron capital coas vitorias galeguistas: lingua, autoestima, cultura. A casca hoxe completamente baleira do galeguismo (Carlos Marcos chega tarde, trinta anos despois de zugar Meilán Gil nos restos da palabra) só pode ofrecer beneficio empresarial. Esa mercantilización do símbolo equivale á recente proclama de que o nacionalismo alcanzou a fin da súa Historia e xa non é de esquerdas nin de dereitas.
Abandonamos as palabras cando son inútiles, creamos outras palabras para dar expresado a mesma cousa. O discurso hexemónico do nacionalismo deixou de nomear a realidade, ou sexa, comeza a servir os intereses do mercado. Non, non se trata dun ataque contra o dignidade do país. Róubannos o vento. Usamos o vento como metafora porque é real. Tede por seguro que, de saírmos á rúa en liña recta para reclamar ás eólicas o que nos pertence, tanta dignidade faríaselles outra vez insoportable. A dignidade é unha especulación: o único real é a independencia. A Carlos Marcos, e a outros, dálles moito medo esa palabra. Por iso pelexan polos restos, aquela Galicia que definiu Lupe Gómez nun poema admirable.
Os intelectuais deberiades baixar ao mundo real e deixaros de paparoladas. A verdade é que falas como un mesías e pouco tes de tal. Vós, os intelectuais que vos queredes sentir progres e comprometidos, representades un divorcio brutal entre os que loitamos na rúa (folgas do metal, Reganosa, folga da construción...) e a cultura da que vos tentades apropiar. Cando baixedes das vosas propias torres de marfil deixariades de dicir parvadas. Que ben se escribe dende aló enriba, ou? E Lupe Gómez de admirable debe ter que non se lle entende nada. E esa poema, precisamente, "Galiza non son imaxes. Son restos" xa foi escrito na narrativa política moitos anos antes. Deberá ser que como aqueles non pertencían ao grupo de intelectuais non merecen a vosa atención.
Baixade, baixade, que aquí canto menos temos sitio para todos. Nós aló enriba non podemos entrar porque debemos ser demasiado burros.
Será que teño o día tonto, pero me parece un luxo poder ler a opinión de Cordal, fervescente, reveladora, e ao pé o comentario de Espasende tan atinado. Gracias
O que importa em qualquer discurso (mesmo num texto como este) nom é o poder inerente à própria linguagem senom o tipo de autoridade ou legitimadade pola que está respaldado (o facto de ser aqui publicado, o facto do autor intitular-se "professor", cousa distinta a ser "intelectual" já agora). Observo com satisfacçom como recuperam ao "professor" Beiras, porém num pinchacarneiro completamente autorreferencial, nom congruente co exprimido no artigo. Nom gostamos do autorreferencial sempre que nom nos afecte a nós próprios (no caso, os libertados económicos do estado espanhol): as contradiçons sempre e únicamente estám nos que nom som os nossos amigos.
Finalmente dizer que Beiras continua no BNG, quando ele ingrese nas respectáveis mas muitíssimo autocomplacentes Redes Escarlata, avisem. Se querem desqualificar ao BNG, fagam, mas nom tirem (agora) oportunistamente de Beiras nem de discursos que som aporias. Nom todos somos seus alunos, a nom todos nos remunera o estado espanhol. Saúde e República Galega.
Algumas considerações enumeradas ao chou.
1) Desconheço o poema ao que faz referência o Sr. Cordal.
2) Não vejo por algures que o Sr. Cordal se autodefina "professor". No seu perfil diz-se que "exerce como professor de Língua e Literatura", o qual é certo e radicalmente distinto do que nalgum comentário se afirmou. Se alguém pode definir essa realidade sem usar o termo 'professor', que o faça ou cale a boca.
3) As Redes Escarlata cuido que estão mortas, mas alguém esqueceu fazer-lhes o sepélio.
4) Somos uma colónia, e o único real é a independência. Duas ideias colhidas isoladamente por mim, mas que o Sr. Cordal relaciona num discurso com o qual concordo.
5) O nacionalismo galego politicamente correcto (BNG) instalou-se há tempo dentro do Sistema (assim, com maiúscula), e como tal defende os interesses de quem o mantêm aí, que não são precisamente a sua base social. Eis a explicação pola qual o BNG perde votos a mais não poder: por ter perdido a sua identidade.
6) Há mais nacionalismo fora do BNG, e provavelmente mais comprometido com o país do que este. Por suposto, há muitas pessoas e correntes dentro do BNG que concordam com esse outro nacionalismo, mas por enquanto ficam à calada.
7) O espólio eólico é mais um dos que leva sofrido este país, e também a prova palpável de que somos uma colónia: são outros os que exploram ou levam o lucro dos nossos recursos. Os rios, a pesca, a minaria, a electricidade...
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colabora ademais no xornal Galicia Hoxe.
Outros artigos de Xabier Cordal en Vieiros:
Roubáronnos o sol (21/10/2005)
Mala conciencia (11/10/2005)
Columnas bárbaras (03/10/2005)
Cidade Vampiro (23/09/2005)
Gasolina (29/08/2005)
Parabéns (29/06/2005)
Política cuántica, II (25/06/2005)
Máis no vello Vieiros.