Ando estes días de campaña metido nunha pescuda de moito intríngulis: ¿As ideas teñen volume? Ou o que é o mesmo, ¿ocupan espacio? Os autores clásicos da miña aldea dicían que o saber non ocupaba lugar, polo que as ideas carecerían de volume. O que xa non sei é se a ciencia avanzou algo neste eido, coma lle sucedera ós elementos parmenidianos coa descuberta atómica e subatómica. ¿E por que me preocupa a dimensión espacial das ideas? Cóntovos.
O señor Xosé Crespo, alcalde de Lalín e xa que logo, o meu alcalde, confesou xa en varias ocasións que el érguese cada día con 500 ideas novas. É de supor que esta cifra redonda é unha aproximación, que haberá amenceres de 456 e outros de 525, digo eu. Pero se aceptamos a cifra de 500 coma un promedio, resulta que ten 3500 na semana, 15000 por mes e 182500 ideas novas nun ano. E como xa leva 18 anos de alcalde, estariamos falando 3285000 ideas. Isto si que é un bo trebón de ideas, e non o brainstorming dos traxados executivos americanos. ¿É ou non para preocuparse? Para os que lle facemos a contra aquí no Deza a situación é desesperante, xa que todo o que se nos poida ocorrer xa el o ten pensado hai moito tempo.
Agora xa comprenderedes o por que do meu dilema. Porque non da o mesmo que a idea teña ou non dimensión espacial. Se carece dela, o tamaño da cabeza non inflúe; mais se ese non é o caso, fai falla moita cabeza para almacenar 500 novas ideas diarias. Home, Crespo gasta cabeza grande, que lle vén xa de familia, pois o seu avó político don Manuel fachendeaba de que lle cabía nela todo o Estado Español. Pero aínda así…
O señor Xosé Crespo e mais eu somos dunha quinta, recibimos a mesma educación do rural dezao e, incluso, estudiamos o mesmo bacharelato impartido polos cregos do Seminario Diocesano de Lugo. Pois ben, partindo deses vimbios comúns, el leva 18 anos de alcalde, foi ata hai ben pouco presidente da Fegamp, director de campaña do partido nas últimas autonómicas e vai ser recibido polo Papa de Roma co gallo dunha degustación do cocido lalinés. Pola contra, eu convertinme nun pillagaliñas sen oficio nin beneficio, arrimado a un partido de apoio minoritario e sabedor de que nunca xamais darei chegado ás súas alturas. E non podía ser de outro xeito, xa que o día que me levanto cunha idea nova, aínda que só sexa unha, xa é toda unha festa. ¡Non me digades que a vida non é marabillosa! ¡Canta diversidade ofrece de balde a natureza!
Señor Sucasas, declárome afervoado seguidor seu. A natureza daríalle a Crespo capacidade para meter o concello na cachola; pero non se preocupe, a vostede deulle a capacidade de ver o mundo cunha boa pisca de humor. Parabéns polo artigo.
Coido que tedes una alcalde moi desaproveitado con 500 ideas o día, el non se decatou de con ese volume de ideas hoxe podería ter sido outro Bill Gates, eu penso que o mellor pensa moito e mal, as 500 ideas o longo do día co desgaste das neuronas poden quedarse en cero.
Se tes unha idea podela levar adiante, síntoo moito José Luis, pero non imos declararte especie protexida.
Parabéns polo artigo.
Nem todas a ideias novas som boas ideias. Haveria que saber quantas das ideias do senhor Crespo som boas, e quantas som barbaridades.
Non desespere, señor Sucasas. E lembre o refraneiro, a todo porco lle chega o seu sanmartiño...
Parabéns polo artigo.
Boh, o pior de todo nestas lides é non ter nin Idea! (ollo, non confundir con Ikea).
Boas conclusións as do artigo.
Afortunadamente a realidade dezán xa nos vai informando polo miudo das ideas da alcaldía, polo que ben afortunadamente excusamos de pasar o traballo de desfiar os milleiros dos que presume anualmente o rexedor.
Pasaralle o mesmo que aquel televisivo que sempre acababa respostando que "me confundo...". Il o noso alcalde dezán trabucará palabras con ideias? Para sua neurona poideran ser o mesmo oito que oitenta?
Ai siñor Xosé, non sei se irán xa séndolle ben horas de se retirar de novo ós cortellos (disimulen, mais é granxeiro de porcos, asegún malfala dele, un malcriado dezán dalá de un pouco máis abaixo do Castelo).
José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).