Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Os beneficios para min, as perdas a repartir

09:35 22/05/2008

Falamos aquí xa noutra ocasión do ceo maxenta que nos acubilla, a nós e a media humanidade (o resto, do que é mal, durme a ceo aberto). E nestes tempos de crise económica aparecen nos medios de comunicación, día si e día tamén, exemplos preclaros do ben que funciona o sistema. Falamos, por suposto, da economía social de mercado, da economía mixta, do mercado intervido, ou como lle queiramos chamar.

Unha das máximas deste sistema é : os beneficios para min, as perdas a repartir. Se as cousas andan ben, eu gaño, ti gañas, el gaña, e todos, todos gañamos. Mais se viran a mal, eu, ti e mais el, todos imos mirar de que as paguemos entre todos. Socializar as perdas, nunha palabra. Se ós labregos lles baixa o prezo do leite ou lles sobe o do gasóleo, pois ¡ala!, á rúa cos tractores e a pedir unha compensación. Se os construtores non dan vendido os pisos, pois ¡ala!, a pedirlle á Administración que se quede con eles, eso si, cun pequeno desconto. E se as entidades financeiras xa non poden acudir ós mercados internacionais de capital, pois ¡ala! que o Estado lles preste os fondos da Seguridade Social. Por certo, o caso das entidades financeiras chega a límites de escándalo e perversión, xa que fan esta petición de socorro cando asemade veñen todas de facer públicos incrementos nos beneficios do vinte, do trinta ou incluso algunha de mais do cen por cen. O día que lle faga xeito, don Marcelino F.Mallo hanos dar unha explicación.

Nesta ansia de traspasarlle ó Estado as nosas desgrazas individuais e de grupo latexa fondas e poderosas razóns, case todas elas con orixe nunha desconfianza ante o descoñecido e inabarcable. A cabeza común dos mortais –a de Don Manuel, aparte, que non é común nin mortal- no da para números tan longos coma os que manexa a cotío o señor Solbes agora, antes o señor Rato e moito antes, os grandísimos señores Solchaga e Boyer. Só a fe pode axudarnos a furar nestes misterios e, claro é, nos tempos de crise perdemos tanta fe coma cartos perdemos.

Está tan enraizado o sistema na sociedade que converte as diferencias de praxe dos partidos políticos en cuestión meramente conxuntural. Se estou desta beira do río, digo arre; se estou da outra, digo xo. Un exemplo desto témolo estes días pasados nos xornais, con Solbes anunciando que o sector da construcción vai ter que remoer as farturas de anos atrás, e cos portavoces do PP reclamando para o mesmo sector medidas de choque. Nos tempos de ceos vermellos e azuis, esta situación cualificaríase de “O mundo ó revés”, pois era teima dos vermellos intervir en todo, empezando pola economía, e ansia dos azuis que en Ribadeo cadaquén pagara o seu.

4,46/5 (41 votos)


Comentarios (8)

Brais #1 22/Maio/2008 Brais
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É unha vergoña, os mesmos que se emborrachaban de cartos a base especular e bramaban contra calquera planificación do poder público, agora queren que papá Estado lles axude a saír da crise

edreira #2 22/Maio/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os cartos do Estado pásalle o mesmo que os diñeiros do sancristán, por onde veñen, van.
Parabéns.

Carl #3 22/Maio/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tes máis razón ca un santo, compañeiro...again.

Parabén, aínda que contigo recoñezo non ser moi obxetivo.

fredo #4 22/Maio/2008 fredo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

non estaría de máis que moitos tiraran fóra a carauta e non dixesen se son finalmente liberais, se profesan a fe de Mr. Keyness as dúas ao tempo ou ningunha.

baltar69 #5 23/Maio/2008 baltar69
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a constitución europea, que pararon en francia en holanda e que tantas bágoas fixo rodar polas meixelas sonrosadas dos méus amigos do pesoe, ten agora unha estupenda continuación na máis meritoria tradición liberal: o tratado europeo aprobado en lisboa, disfrazado de normativa light .
entre outras carencias, este texto, santifica de novo a independencia total do bci con respecto a calquera outra instancia da ue e o otorgo ó séu funcionamento unha capacidade totalmente autónoma de outras presións e intereses que non sexan os do gran capital.
non é que a cidadanía interveña en ningún país no tipo de axuste que os bancos centrais fan ou deixan de facer, pero suele ser o presidente do goberno ou o primeiro ministro quen nomea ó director de turno de estes bancos nacionais, co que, dalgunha forma ó público entende que posee certa capacidade de manobra á hora de definir unha política económica ou outra, anque para nada sexa eso certo.
ahora, co asunto da crise motivada polo desplome da economía hipotecaria, o bce inxecta miles de millóns de euros, nun sistema bancario plagado de institucións privadas que durante a última década repartiu beneficos sen tasa entre os séus accionistas, para que non aflore unha crise de activos que barrene todo o conglomerado.
o asombroso é que nadie diga nada, que a poboación sexa tan lerda, que todos estemos pendentes das palabras da tiopa solbes como si fose o oráculo e non un títere máis do capitalismo transnacional.
estamos fodidos. e algúns inda queren que os nenos non sepan como funcionan as armas, como si a volta de pouco houbera outra solución que tomalo poder para nos...

Carballo #6 25/Maio/2008 Carballo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estimado José Luís:

Tes moita razón, aínda que che esqueciches dos campións do pelotazo enexético. Acórdasche cando o Sr. Pizarro repartiu repentinamente 2 ou 3 mil millóns de euros entre os accionistas de Endesa para gañar a súa "confianza" na crise E.on-Enagás-Gas natural e ao mesmo tempo o seu colega Sr.Miranda pedía ao goberno subir a tarifa eléctrica para compensar o "custo real" dos combustibles?

summertime #7 25/Maio/2008 summertime
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para min a solución e ben sinxela: Nin caso, e que se asuman os riscos e as decisións, agás que estea en perigo a propia estabilidade do sistema.
Ademáis quería engadir que é preciso aproveitar a crise para establecer maiores controis especialmente coas institucións financeiras que amosaron pouca responsabilidade na xestión das súas contas. Con todo non son excesivamente optimista porque a experiencia nos indica que as reformas, se chegan, son sempre moito máis limitadas do necesario.

mceleiro #8 25/Maio/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#5 Quanta razão.

O prisa-psoe silenciou a barbaridade firmada às escondidas em Lisboa quando viram que não todos os europeus são subnormais e a constituição europeia era impossível aprová-la "democraticamente".

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete