Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Galegos na corte do Rei Carolo

18:40 29/04/2008

Ó resto de España caémoslle ben, ou cando menos non lle caemos mal. Incluso toleran que sexamos unha miguiña nacionalistas. E todo porque somos pobres. E a pobreza, a non ser que sexa estrema, tende a facerse invisible. Pobres fómolo sempre e, do que é mal, seguirémolo sendo a non ser que atopemos unha bolsa de petróleo nunha desas escavacións do AVE. E, ben mirado, tampouco estaría nada mal dar con algo máis ca castros, mámoas e trisqueles cada vez que furamos a terra nai.

Somos pobres, digo. O noso PIB non chega ó 5% da cifra estatal, e por aí anda tamén a porcentaxe que representa a nosa poboación. A data de hoxe, a nosa renda per cápita só supera á dos andaluces, estremeños e casteláns-manchegos; pero eles levan trinta anos cos accesos rematados e, no caso andaluz, con AVE incluído. Somos pobres, e por riba poucos. Se foramos moitos, aínda sendo mais pobres, teriamos máis peso político xa que as papeletas democráticas pesan igual sexa cal sexa o peto do que as depositou.

Somos pobres, insisto. E sen embargo, temos tres ministros no novo goberno estatal –o que representa unha cota do 18% do Consello de Ministros-, temos a José Blanco –creador e señor de todas as cousas socialistas, entre elas o presidente Zapatero-, temos a Rajoy Brey –xefe da outra metade de España-, temos a monseñor Rouco Varela –xefe de todos os católicos españois, é dicir, de case todos nós- e, ¡recoiro! aínda temos a don Manuel aboiado polo Senado, que por certo preside tamén unha galega. Mirado así, ¿a que non parece que sexamos tan pobres e tan poucos?

Porén sómolo e seguirémolo sendo. Porque unha cousa é ser dun sitio e outra moi distinta exercer de tal. Unha cousa é ser cristián porque alguén che meteu de pequecho a cabeza na pía sacra, e outra moi distinta ir á misa e gardar os preceptos. José Blanco, Isabel Espinosa, Cesar Molina, Elena Salgado, Rajoy Brey, Rouco Varela, Manuel Fraga, Abel Caballero, Carmela Silva, incluso o futuro Papa, son galegos “¡que duda cabe!”, que diría o mítico Arsenio de Arteixo. Pero só porque o azar quixo que viran as primeiras luces do mundo nalgún recuncho de Galicia. Pero punto, aí para de contar. Porque Galicia non representa unha prioridade nas súas vidas mais aló dun sitio onde pasar unha tempada de sol, marisco e lecer, un lugar tranquilo onde sobrelevar os achaques da xubilación ou, ó fin, o nicho familiar onde ser soterrado despois dunha vida ó servicio do basto imperio.

É por eso que cando a nova Presidenta do Senado confesa que o seu nomeamento “é bo para Vigo e para Galicia”, un pregúntase: ¿e por que diaños ten que ser bo? ¿Porque vostede o di, así sen mais? ¡Canta fachenda e afouteza!, señora Carmela Silva. Primeiro demóstreo, e logo falamos. Porque tamén o comandante Cerillita era galego e non fixo nada por Galicia en corenta anos. E no só eso, que tivemos que mercarlle o Pazo de Meirás porque senón nin nos viña ver, o moi trangallas.

4,51/5 (47 votos)


Comentarios (12)

Carl #1 29/Abril/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pero non se decía "Galiza"?. Algúns do bloque estádevos centrando de máis...


Rafa

Cesare #2 29/Abril/2008 Cesare
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O Senado non o preside unha galega. Unha galega é a voceira socialista no Senado.

Tudense #3 29/Abril/2008 Tudense
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi certo o que dis, esqueces á Presidenta do Tribunal Constitucional, Maria emilia Casas, natural de Monforte de Lemos e a Cándido Conde Pumpido, Fiscal Xeral do Estado, de feito é por iso que tantos galegos chegan a postos de relevancia en Madrid, muitos mais do que nos corresponderia estatísticamente, porque as estruturas de poder correspondente saben perfeitamente que non van exercer de galegos. Os ministros cataláns son politicamente cataláns e exercen como tal, os galegos, como ti dis, naceron circunstancialmente por estes lares.

vonMises #4 30/Abril/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pido públicas desculpas polo erro, señor Cesare, e agardo que non desvirtúe o contido da argumentación. Debeu ser a emoción...Con todo, gracias.

xabre #5 30/Abril/2008 xabre
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Iso demostra que cada un exerce a identidade que quere, a pesar do que diga o DNI.

lourentia #6 30/Abril/2008 lourentia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Lapsus a un lado, o artigo é ben bo.

edreira #7 30/Abril/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Imaxina José Luís un destes personaxes dicindo na corte do rei Carolo "soy de Viana del Bollo"....
Haiche jallejos......e galegos, dous mundos opostos.
Parabéns polo artigo e a Señora Silva deberíache dar un aguinaldo polo erro.

Anti_Lusista #8 1/Maio/2008 Anti_Lusista
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Amén!!! Non podo estar máis concorde co que se dixo. Teño unha intuición de que iso pode comezar a trocar pouco a pouco, non sei pero coido que estas eleccións autonómicas significarán un temor dende Madrid para o que pasa neste país, e iso será bo porque xa nos tomarán dunha fodida vez en serio.

Avante Galicia!!!!!!!!!

RiQee #9 1/Maio/2008 RiQee
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#8 non sei eu...

Pedrel #10 2/Maio/2008 Pedrel
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O Tribunal Constitucional ven de afirmar que o que o que aprobou o Parlamento catalán sobre nación e nacionalidade é lexítimo. Pois ben, no 2 de maio, comezo da perda da calidade imperialista (comezan tódalas independenzas americáns logo desa data)é importante que non deturpemos a historia e aceptemos que as nacións da península seguiron existindo.
Galiza é unha nazón. ¿Non vos apetece a historia? Pois a amolarse como o fixemos por ben tempo os galegos.

Carlinhos #11 2/Maio/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Algo mudaria se "José Blanco, Isabel Espinosa, César Molina, Elena Salado, Rajoy Brey, Ronco Varilla, Abel Caballero, Carmilla Zarza, Arsénio Ighlésias" mudassem em "José Branco, Isabel Espinhosa, César Muínha, Helena Salgado, Rajoi Brei, Rouco Varela, Abel Cavaleiro, Carmilla Silva, Arsénio Igrejas" e se Galicia fosse Galiza.

Brixs #12 2/Maio/2008 Brixs
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#8 Pro-castelhano!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete